Araceli Gestido, candidata do BNG á alcaldía de Cangas.

Aínda que non é nova en política, si que lle tocou por primeira vez a responsabilidade de encabezar a candidatura do BNG de Cangas coa intención de alcanzar a alcaldía. Presenta un equipo «renovado» e con ganas de atallar os principais problemas do municipio.

MN.- ¿Qué balance farías destos catro anos de gobierno?

AG.- Creo que para entender estes últimos catro anos hai que remontarse ao comezo do mandato, porque xa comezou mal dende o momento no que decidiron deixar fóra ao BNG e a Avante. De aí en diante, todo foron desavinzas entre socios do goberno que remataron en divorcio e absoluta parálise do Concello. O que retrata estes catro anos é a incapacidade para chegar a ningún tipo de acordo cando é responsabilidade do goberno buscar e promover o consenso nos temas capitais para Cangas. A pesar desta actitude, o BNG actuou con sentido da responsabilidade apoiando aquelas cuestións vitais para o Concello, como a aprobación do Plan Concellos ou dos orzamentos municipais. O peor de todo é que, finalmente, esta inacción estendeuse a todos os ámbitos do Concello sen excepción.

MN.- Se tivera que poñer nome ao seu principal rival ¿cál sería e por qué?

AG.- Cando insisto tanto no diálogo e nos consensos é porque penso que cando tes que xestionar un Concello non podes ver a ninguén desa maneira. É necesario chegar a acordos para sacar adiante os temas máis importantes, polo tanto, hai que ver a política como unha área de colaboración, non de enfrontamento. Por suposto, se a pregunta vai por cal é a candidatura coa que competimos por gañar a alcaldía, a resposta é sempre o PP, pero insisto, a palabra rival non me agrada.

MN.- ¿Podería decir que O BNG presenta unha candidatura renovada?

AG.- Esa foi, de feito, a premisa principal, aínda que non a única á hora de confeccionar a lista. O BNG de Cangas considerou que era o momento de facer unha lista para revitalizar Cangas, e iso requiría renovación na lista. Ao mesmo tempo, somos conscientes de que sería absurdo prescindir das compañeiras e compañeiros que tanto levan aportado durante estes anos, polo tanto, é un cambio meditado e unha decisión estratéxica que levamos adiante con ilusión tamén renovada. Presentamos unha lista moi renovada, pero na que incluímos persoas con experiencia de xestión municipal, unha experiencia imprescindible para poñerse a traballar dende o primeiro día.

«A esperda de Cangas debe simplificarse e que hai que facelo en torno ao BNG»

MN.- ¿Qué primou á horas de escoller as persoas do seu equipo?

AG.- Como dixen antes, buscamos renovar a candidatura, levar non só caras novas, senón ideas e visións novas. E tamén incluír xente que coñeza o Concello por dentro, que xa teña experiencia de xestión municipal. E, por suposto, a lista do BNG é paritaria. Por último, buscamos que todas as parroquias do Concello se sentisen representadas nesta lista. Penso que é unha lista equilibrada e preparada para o traballo inmediato e para levar adiante o modelo de xestión do BNG, un modelo de éxito no país, con exemplos contrastados que todos coñecemos como Moaña ou Pontevedra.

MN.- ¿Houbo unanimidade interna para apoiarle como candidata ou plantexaronse outras opcións?

AG.- Houbo unanimidade no diagnóstico de que era necesario presentar unha candidatura renovada, de que era necesario ofrecerlle á cidadanía de Cangas unha opción seria para cambiar de rumbo e deixar atrás a parálise na que está metido este concello dende hai anos. Unha vez que a Asemblea Local do BNG decidiu que era eu a persoa adecuada para conducir ese cambio, traballamos todos xuntos para confeccionar unha única lista.

MN.- ¿Como ve á esquerda en Cangas?

AG.- A división non nos beneficia, por suposto. Hai que dicir que se fixo un esforzo por solucionar ese problema que, por desgraza, non frutificou como nos gustaría. Estas eleccións son unha oportunidade para lanzar unha mensaxe definitiva sobre a esquerda en Cangas: que debe simplificarse e que hai que facelo en torno ao BNG.

MN.- ¿E á dereita?

AG.- Volveu ao comezo. Cero renovación, cero autocrítica, ningunha idea salvo retornar a unha maioría absoluta coa que non fixeron nada anteriormente. Se non foron quen de sacar adiante os grandes proxectos que Cangas necesita tendo maioría absoluta, alguén pode crer que o farán agora? As mesmas persoas de sempre?.

«Facilitarlle a alcaldía á dereita é unha liña que o BNG non cruzará nunca»

MN.- ¿Pactaría co PP para gobernar ou se abstería para favorecer un goberno de dereitas?

AG.- En ningún caso. Estamos dispostos a falar con todo o mundo para levar a bo termo os grandes asuntos que Cangas ten pendentes, pero facilitarlle a alcaldía á dereita é unha liña que o BNG non cruzará nunca. Históricamente, apoiamos sempre á candidatura de esquerda máis votada e agardamos que o resto faga o mesmo. O único camiño do PP á alcaldía de Cangas é a maioría absoluta, que non vai conseguir.

MN.- E na esquerda ¿algún veto? E se é así, vetaría a siglas ou a persoas…

AG.- Non. Pero non creo que sexa o momento de falar diso cando aínda non se pronunciou a cidadanía de Cangas. Aspiramos a obter os votos suficientes para gobernar no Concello e despois veremos como se organiza ese goberno.

MN.- ¿Cales son as súas principais propostas para Cangas…

AG.- Se te refires a grandes asuntos podemos citar varios. Para comezar, a urxente necesidade de sacar adiante o PXOM dunha vez por todas; ou solucionar os problemas da atención sanitaria; ou mellorar as infraestruturas deportivas. Pero creo que as nosas principais propostas teñen que ver cun cambio de modelo na xestión municipal. Primeiro, desenvolver o potencial deste Concello para favorecer o emprego e a modernización. E segundo, facelo sempre poñendo as persoas no centro das políticas municipais, recuperar espazos públicos e axudar as familias na conciliación laboral e familiar… Onde goberna o BNG o proxecto é o primeiro; un proxecto de éxito contrastado que require tempo e traballo, pero que porá a Cangas onde merece.

MN.- A sanidade é un piar fundamental e común en todos os partidos ¿Qué ten previsto facer para solucionar as carencias?

AG.- Tendo en conta que as competencias nesta materia son da Xunta de Galicia, o papel do
goberno municipal é poñerse ao fronte das xustas reivindicacións da veciñanza de Cangas neste tema. Logo, falar coa Xunta para buscar solucións a esas carencias e aportar aquilo que poidamos para solucionalas. Non podemos esquecer que o último goberno encabezado polo BNG xa puxo a disposición da Xunta terreos para un centro de saúde que seguen sen utilizar. O noso modelo pasa por manter os centros de saúde cerca dos veciños e veciñas, non pechalos como pretende o PP, e engadir un Centro que reduza a necesidade de ir a Vigo para todo. O nome desta infraestrutura é o de menos, o importante é que preste os servizos necesarios. Non nos vale un Centro de saúde máis grande. Cando a Xunta garanta esa infraestrura, o Concello gobernado polo BNG porá o necesario para que se constrúa.

MN.- ¿Qué será o primeiro que faga se logra a Alcaldía?

AG.- Abrir as portas do Concello a toda a veciñanza. Que saiban que terán toda a nosa atención e que non se deixará que corra a auga. Hai cousas que non se poden facer nun día, pero explicar as razóns e buscar solucións é obrigado. E logo, sospeito que o primeiro será solucionar todas as pequenas cousas que se foron deixando ir. O percorrido que fixemos por todo o concello nestes meses deixounos claro que antes de correr teremos que andar. Hai moitas cousas que arranxar porque nestes anos o mantemento brillou pola súa ausencia. Na casa común que é o Concello pasa o mesmo que pasaría na casa de calquera de nós se non se lle puxese man durante anos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *