Chelo e a súa compañeira Nuria Piñeiro celebrando a sorte e mostrando os millóns.

Desde onte á noite unha persoa, ou varias se é dunha peña, son un pouquiño máis felices. O sorteo da bonoloto caeu no estanco Rozabales de Aldán e deixou nun boleto de 8 apostas nin máis nin menos que 4 millóns de euros, exactamente 3.776.057 euros. De momento descoñécese a identidade do premiado pero a dona do establecemento, Chelo Millán, está pletórica. «Isto é a bomba», manifestaba esta mañá cun sorriso de orella a orella entre saúdos aos clientes, que non paraban de entrar pola porta. Aínda que, recoñece, que despois de coñecer a noticia «esta noite ninguén durmiu da ilusión». «Nós vendemos ilusión e alegría e isto é un quecemento para dar o gordo de Nadal», avanzou exultante asegurando que «a sorte existe e atráese».

É a segunda vez que este pequeno estanco de Cangas, situado na Estrada de Bueu, 110, na parroquia de Aldán, reparte millóns. En 2014 fíxoo con case dous millóns e agora, oito anos despois, duplica a cifra.

A combinación gañadora foi 36-12-20-1-26 e 45, o 15 como complementario e o 3 de reintegro.

A pantalla do estanco coas felicitacións ao gañador ou gañadora

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *