Interior do futuro Auditorio de Marín.

O Consello dá o visto e prace ao convenio de colaboración co Concello polo que levará a cabo esta nova infraestrutura cultural, cunha achega dun 50 % sobre o orzamento total por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

O Consello da Xunta autorizou esta mañá o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Marín para a construción dun auditorio nesta vila da provincia de Pontevedra, que na actualidade carece del. Así, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez cofinanciará a construción desta nova infraestrutura cultural, para o que reserva 2 millóns de euros. Deste xeito, a Xunta achegará o 50 % do investimento necesario para a materialización deste proxecto, cuxo orzamento total é de 4 millóns de euros.

Grazas a esta actuación dinamizarase a vida social e cultural do municipio e, sobre todo, habilitarase un espazo moderno e acondicionado para fomentar a reunión e participación de toda a cidadanía. Esta colaboración tamén permite mellorar a oferta de equipamentos sociais e culturais no núcleo urbano, con déficit deste tipo de dotacións, ao tempo que se fomenta a rexeneración económica, social e ambiental das inmediacións da única zona industrial de Marín, o porto. Trátase, en definitiva, de reinterpretar a idea de barrio e abordalo como un espazo de relación para a veciñanza, en que se pon en valor a calidade da convivencia social nun único marco que combine diferentes usos.

Cómpre lembrar que Marín conta cunha estratexia de desenvolvemento sustentable e integrado (Edusi) en que se recolle a construción dun equipamento sociocultural que na actualidade non existe, polo que coa súa construción se dá resposta a unha vella demanda.

Unha vez que o Consello da Xunta autoriza a sinatura do convenio, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Marín poden asinalo, un trámite previo e necesario para a licitación das obras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *