A Xunta vén de adxudicar por máis de 570.000 euros a execución das obras do aparcadoiro disuasorio na contorna do núcleo de Ameal, no concello de Marín. A intervención, adxudicada á empresa Construcciones, Obras y Viales, S.A., consta dun prazo de execución de 5 meses.
Este novo aparcadoiro emprazarase nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202 e contará cunha superficie total de 3.000 m².
O aparcamento disporá dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Ademais, tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.
As prazas terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación.
Nas obras prevese a habilitación de itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.
Ademais, a petición do Concello de Marín, as obras incorporarán a disposición dunha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.
Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.