O delegado territorial xunto á portavoz do PP, o alcalde e o xefe territorial de Ensino.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal, supervisou as obras de modernización integral dos aseos en dúas plantas do CEIP Plurilingüe A Pedra cun orzamento de case 48.000€

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar a realización de diversas melloras nos colexios públicos A Pedra e Montemogos, en Bueu, cun investimento de case 90.000 euros orientado á modernización dos seus servizos. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal, do xefe territorial de Educación, César Pérez, e doutros representantes municipais e educativos supervisou este mañá as obras de renovación integral dos aseos no CEIP Plurilingüe A Pedra, que tiveron un orzamento de case 48.000 euros.

Este colexio carecía de cuartos de baño propios nas aulas de Educación Infantil e os existentes tiñan algunhas eivas, posto que databan da construción do propio centro. Por este motivo, procedeuse á modernización dos aseos de dúas plantas coa substitución do solo, o cambio das redes e canalizacións, a colocación de novos lavabos e a habilitación dunha porta de comunicación directa desde as aulas de Educación Infantil. Esta actuación dá continuidade ao anterior investimento realizado neste centro pola Xunta de Galicia para levar a cabo melloras na cociña escolar.

Por outra banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rematar tamén noutro colexio público deste municipio do Morrazo, o CEIP Montemogos, unha obra consistente nunha reforma de espazos e a instalación dun ascensor para favorecer a accesibilidade cunha partida de máis de 40.000 euros. Anteriormente, neste centro acometéronse obras de mellora da fontanaría, a carpintaría e as baixantes.

“O noso gran compromiso coa educación pública conxuga a organización e a calidade do ensino a través dos equipos directivos e docentes coa mellora constante dos centros educativos para que sexan máis idóneos para as clases e máis confortables para os alumnos e por iso, só no municipio de Bueu, levamos investido máis de 2,2 millóns de euros nos últimos anos nos seus colexios e institutos para que todo estea nas mellora das condicións para a aprendizaxe e a formación”, manifestou o delegado territorial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *