María Ramallo na intervención onte no Museo Torres.

O Concello organizou unha charla sobre eficiencia enerxética para dar a coñecer o aforro acadado na Avenida de Ourense coa instalación da tecnoloxía LED, un proxecto cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

O Museo Manuel Torres acolleu onte á tarde unha charla sobre eficiencia enerxética no ámbito público, centrándose na renovación das luminarias da Avenida de Ourense dentro da estratexia Marín Dusi, confinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea; e no ámbito doméstico.

A alcaldesa, María Ramallo, encargouse de abrir o evento, facendo referencia á necesidade de perseguir, como Administración, “o coidado do medio ambiente e a procura de vilas máis sostibles, con máis calidade de vida”. Ramallo fixo referencia a que “xa antes de acadar os fondos europeos da estratexia Marín Dusi, levamos a cabo actuacións encamiñadas a mellorar a nosa eficiencia enerxética no espazo público e así poder aforrar enerxía e facer un uso máis responsable da mesma”, como por exemplo, algunhas actuacións no alumeado do Vial de Praias ou no rural, “como no núcleo de Malvido, recentemente”.

Pero foi nos proxectos de Marín Dusi nos que se puido facer unha actuación integral de renovación. No caso da Avenida de Ourense, “renovamos un total de 90 puntos de luz, todos con tecnoloxía LED, o que nos permitiu acadar un aforro enerxético de máis do 26%”. De feito, a alcaldesa lembrou que “só nesta renovación de luminarias investíronse case 265.400 euros”. Pero a Avenida de Ourense non é o único caso no que os proxectos conseguiron un aforro enerxético importante. Dentro do Marín Dusi, tamén se engloba a remodelación total que fixemos do noso Paseo Alcalde Blanco. Nese caso, a renovación de toda a súa iluminación traduciuse nun aforro enerxético de máis do 46% con respecto á instalación anterior.

Como aforrar enerxía na casa

Ibana Conte, responsable da Oficina do ARI.

Pola súa banda, a responsable da Oficina do ARI, Ibana Conte, deu unha interesante charla pensada para ese eido doméstico, no que tamén podemos aforrar enerxía.

A técnica fixo un repaso de como foi evolucionando a preocupación e as axudas públicas destinadas para particulares no que se refire á eficiencia enerxética nas casas desde que abriu a oficina, hai agora 10 anos. Ademais, aportou algúns tips no uso de electrodomésticos e outros artículos nos nosos domicilios de cara a non desperdiciar enerxía, xa que moitas veces o exceso de consumo vén dunha mala utilización da calefacción ou doutros elementos. Neste sentido, a rehabilitación das vivendas xoga un papel fundamental, xa que o illamento e as posibilidades dos novos materiais e de instalacións máis modernas permiten cumprir de maneira máis eficientes os estándares marcados pola Unión Europea.

Segundo explicou a técnica do ARI, a Sociedade de Tasación indica que unha vivenda de 50 anos incrementaría o seu valor un 25% de media tras ser rehabilitada. Por iso, a Conte animou á veciñanza a estar pendente das axudas a nivel particular que as distintas administracións (autonómicas, estatais e europeas) impulsan, xa que “tal e como explicou a alcaldesa ao inicio, a eficiencia enerxética ten que ser un obxectivo de todos, a nivel individual e no espazo público. E se no urbanismo estase a investir nunha renovación da iluminación e da enerxía para facela máis sostible, no plano doméstivo debemos tratar de ir en consonancia”, rematou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *