O proxecto presentado polo Concello de Vilaboa a través do GALP Ría de Vigo logra o respaldo económico da Consellería do Mar
O proxecto presentado polo Concello de Vilaboa a convocatoria do GALP Ría de Vigo para fomentar o coñecemento das paisaxes vencelladas ás Salinas como recurso turístico conseguiu unha financiación de 95.378,61 euros aprobados pola Consellería do Mar que permitirá o desenvolvemento da iniciativa en dúas anualidades.
A iniciativa, que se sustenta na aplicación das novas tecnoloxías á promoción cultural e ambiental das Salinas de Ulló, facilitará aos visitantes descargar un código QR nos dispositivos móbiles para recrear todo o entorno e entender o traballo de recollida e procesado da sal que se facía nesas instalacións. O Concello de Vilaboa leva meses traballando nesta iniciativa, que forma parte dun proxecto global de posta en valor do entorno das Salinas.
Carme Gallego, concelleira de Promoción Económica, confía no interese que este novo recurso turístico despertará entre os amantes do medio natural. “A recreación é espectacular. Recolle os antigos canais e xeito de traballar coa sal naquel momento con tanto realismo que incluso se aprecia o muiño de mareas”.
O alcalde, César Poza, amosa a súa satisfacción pola resolución da Consellería do Mar e recoñece a súa sensibilidade cun proxecto que conta co respaldo de todo o tecido social de Vilaboa.
Os colexios de Riomaior e O Toural, a confraría de pescadores de Vilaboa, a Asociación pro Salinas, a comunidade de montes e ata o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) certificaron o seu apoio a esta iniciativa.