Os traballos, que poñen fin aos problemas de filtracións de agua que se producían até o momento no establecemento de alimentación ubicado baixo a praza cando chove
A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, visitan a obra da Praza de Ponteporto xunto co equipo técnico, para coñecer o avance dos traballos que, a falta de pequenos retoques, xa están rematados.
A obra, na que se investiron 237.183,34 euros, con cargo ao Remanente de Tesourería, consistiu na pavimentación e impermeabilización da superficie da praza, o que solucionou unha problemática de humidades que era urxente resolver.
Tal e como lembrou a alcaldesa, xa no 2016 se levaron a cabo estes mesmos traballos no nivel inferior da praza. Por tanto, este proxecto foi case como unha nova fase do anterior e pon fin aos problemas de filtracións de agua que se producían até o momento no establecemento de alimentación ubicado baixo a praza cando chove, así como con algúns problemas de humidades que se detectaron noutros locais comerciais da zona.
A superficie total sobre a que se actuou é de 1.056 metros cadrados, aos que se suman 25 máis das escaleiras de acceso desde a Avenida de Ourense e da escaleira central que comunica os dous niveis da praza.
Aproveitando o proxecto de mellora, renovouse parte do mobiliario urbano, coa instalación de 7 novos bancos, e cambiáronse as luminarias da praza por bombiñas de tecnoloxía LED.