Forma parte da campaña «21 días en galego» que terá a súa xornada final o venres as 14 na praza do Concello onde actuará o grupo Sondarúa
«No Concello de Moaña sabemos que o idioma galego é o noso principal sinal de identidade. Trátase domáis importante legado recibido polas nosas devanceiras e devanceiros e representa a maneira que temos de ver o mundo e de presentarnos ante el como moañesas e moañeses, como pobo galego, en pé de igualdade coas outras linguas e culturas». Así comeza o bando asinado pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, para presentar por segundo ano a campaña Moaña: «21 días en galego» na que están involucrados todos os centros de ensino moañeses para prepoñerlles ao alumnado e a toda a comunidade educativa o desafío de expresárense as 24 horas en galego entre o 27 de xaneiro e o 16 de febreiro de 2020, conscientes de que 21 días son os que precisamos para adquirir un hábito novo, neste caso: adquirir ou mellorar a competencia lingüística de falar en galego.
Antes de comezar a campaña, cada centro de ensino envioulles ás familias unha carta informativa sobre a campaña para implicala e que a reforcen na casa. Tamén se lle enviou unha carta ao profesorado porque é importante que coñezan a campaña e motiven a participación nos propios centros. Nesta campaña participan todos os centros de educación de Moaña: a EEI O Con, a EEI de Verducedo, o CEIP Domaio, o CEIP A Guía, o CEIP Reibón, o CEIP Seara, o CEIP Quintela, o CEIP Abelendo, o CEIP Tirán, o IES As Barxas e o IES A Paralaia.
Para o alumnado de infantil ata 2º de primaria, nos centros de ensino foron facendo pequenas actividades de reforzo como empezar cada día cunha palabra en galego seguindo a orde do abecedario. O alumnado de 3º de primaria ata bacharelato participa o alumnado que adquiren o compromiso de manterse en galego os 21 días, é dicir, seguen a campaña de maneira voluntaria. Para manter o interese e que non perdan a motivación, desde os centros de ensino organizan distintas actividades de reforzo e desde o Concello o seguinte:
- O xoves 13 de febreiro, no IES As Barxas, ás 18.00 h: proxección do filme O que arde, de Oliver Laxe. É un pase pechado para o alumnado dos dous institutos. Haberá outro pase o mesmo día e o venres 14, ambos os dous ás 20 h, para a poboación en xeral que queira asistir. Todos estes pases son gratuítos; só e mester presentarse un pouco antes das 20 h para recoller a entrada.
- Para premiar o compromiso e o esforzo do alumnado participante, o venres 14 desde a Concellaría de Normalización Lingüística están a organizar unha xornada final de convivencia na que se van xuntar uns 400 escolares, xunto co seu profesorado, na praza do Concello (se vai mal tempo, no pavillón da Xunqueira) de 11.00 a 13.00 h. Nesta xornada final, a alcalcesa darálles á benvida e a seguir haberá actucións musicais e lectura de poemas por parte do alumnado do IES A Paralaia e do IES As Barxa para rematar coa actuación do grupo de rap galego Sondarúa.