Reunión celebrada esta mañá no salón de plenos do Concello de Cangas.

Comité e goberno de Cangas aproban o regulamento da Policía Local e de teletraballo con todos os votos a favor e a abstención da CUT

Non foi fácil, pero conseguiuse. O comité de empresa do Concello de Cangas deu o visto bo ao regulamento que permite o regreso da quenda nocturna da Policía Local. Agora só falta o último paso, a elaboración dun decreto de Alcaldía que así o indique. A intención é que poida estar listo antes do venres para que esta fin de semana a patrulla nocturna xa estea a patrullar as rúas de Cangas. A proposta, que foi negociada directamente pola alcaldesa, Victoria Portas, contou cos votos a favor de todos os presentes e a abstención da CUT.

Isto permitirá ofrecer un servizo moi demandado polos veciños e comerciantes para facer fronte aos roubos, pelexas e violencia que nalgunhas ocasións producíronse no centro urbano durante a noite. Todos os axentes que compoñen o persoal participarán de forma rotatoria nesta quenda.

A patrulla nocturna da Policía Local deixou de funcionar en xullo de 2019 pola falta de efectivos para cubrir as diferentes quendas. Xa naquel momento, durante o mandato de Xosé Manuel Pazos, tratouse como unha medida temporal pero o certo é que este bypass durou tres anos, aínda que nalgunha ocasión puntual o persoal viuse obrigada a dobrar quendas para poder ter presenza en festas nas que se esperaba afluencia de público ou, mesmo, para garantir o cumprimento das medidas anticovid durante a pandemia.

Regulamento de teletraballo

Outra das medidas que saíu adiante na reunión de hoxe no salón de plenos e que durou case catro horas foi a normativa que regulará o teletraballo entre o persoal do Concello de Cangas. Trátase da primeira vez que se dá luz verde a un regulamento como este e cuxa necesidade quedou patente durante a pandemia.

O vindeiro martes está prevista outra reunión para falar de prazas e salarios.

«Un paso importante»

Para o presidente do Comité, Alfonso Sestay, di que foi un «paso importante» aínda que recoñece que «aínda queda moito por diante». Unha vez aprobada a OPE, a súa intención é sacar adiante a RTP, agora paralizada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *