Os votos en contra de Avante! e de PP, e a abstención do BNG, deixaron sen dedicación exclusiva á edil Aurora Prieto, que queda coa media dedicación que xa tiña. O informe emitido polo Secretario Municipal foi o principal escollo para que a proposta do goberno saíse adiante. Ademais dos erros das datas, que en lugar de indicar 2021 poñía 2020, a oposición interpretouno como que nel tamén incluía o soldo da Alcaldesa, Victoria Portas.
Precisamente, a rexedora deu a palabra ao técnico para que aclarase esta dúbida e, aínda que o funcionario insistiu en que só se refería á dedicación de Prieto, isto non bastou para convencerlles e finalmente o cambio de parcial a exclusiva non prosperou.
O que si saíu adiante foi a licitación da renovación da iluminación pública por valor de 3,2 millóns de euros grazas aos fondos do IDAE. Todos os partidos da oposición abstivéronse e o proxecto só contou cos votos a favor dos partidos que conforman o goberno pero isto resultou suficiente para que o bipartito poña en marcha a contratación.