Os concellos de Bueu, Moaña e Cangas, a través da Mancomunidade do Morrazo, participarán na viaxe organizada dende o servizo do Revitaliza da Deputación de Pontevedra a Navarra, País Vasco e Cataluña para coñecer e estudar no terreo sistemas de recollida de residuos tipo ‘Porta a Porta’ (PaP), ‘Pago por xeración’ (PpX) e visitar diferentes instalacións de compostaxe mixta de biorresiduos agrogandeiros e municipais.
O itinerario desenvolverase entre o 22 e o 27 de maio cunha grande intensidade de paradas, charlas e visitas e a Deputación correrá cos gastos de traslado, aloxamento e manutención. A xeira foi dirixida preferentemente a cargos políticos dos concellos e ao persoal técnico municipal de residuos co obxectivo de que sexa de proveito para tomar decisións coas que cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados pola nova normativa dentro dos concellos.