As familias no encontro co Secretario de Estado o pasado 30 de abril.

As familias dos 21 falecidos no buque Villa de Pitanxo o pasado día 15 de febreiro manifestan o seu malestar pola «pasividade do Goberno» durante os tres meses que pasaron desde o naufraxio. Unha actitude que cualifican de «insultante». Así valoraron ante a Delegación do Goberno a «falta de accións» do Executivo central e do seu interlocutor en Galicia, José Manuel Miñones.

«Tres meses na que non avanzou nada, nos que non foron capaces de pedir unha reunión con Canadá por videoconferencia, como xa fixo Perú o día 4 de abril. Tres meses sen que se achegue un dossier de como foi o afundimento, de que accións se realizaron para coñecer o que sucedeu. Tres meses sen ser recibidos polo Presidente do Goberno nin pola Ministra de Traballo», critican.

Consideran que o Goberno de Pedro Sánchez débelles unha rectificación tras as declaracións de Miñones o pasado 24 de marzo na Subdelegación do Goberno en Pontevedra cando manifestou que «ao non poder recuperar os corpos dos 12 desaparecidos, non merecía a pena tecnicamente, nin baixar, nin localizar ao Villa de Pitanxo». Para as vítimas, unha forma » torticera» de trasladar as súas peticións.

Nese mesmo lugar e por unanimidade 23 representantes das familias dixeron que non era esa a súa petición, que a prioridade era baixar ao pecio para obter probas e poder gravar as imaxes do buque afundido. «Comunicounos que non ían acometer ningunha acción no lugar do afundimento, todo iso sen achegar ningún informe técnico que xustificase esta decisión. Tal forma de proceder, sen estar motivada, nin argumentada, pon de manifesto o desinterese das Autoridades de buscar as causas do afundimento, e poñer así punto e final á traxedia marítima de España máis grande neste século», censuran.

Ademais de facelo por «humanidade» lembran que a Fiscalía e o maxistrado Romero da Audiencia Nacional «ve indicios claros de 21 homicidios imprudentes no afundimento e delitos graves contra a seguridade dos traballadores» polo que consideran «prioritaria esta operativa de baixada se de verdade quérense esclarecer os feitos». «Non aceptamos que dean carpetazo á nosa petición sen achegar argumentos, de forma unilateral e sen unha motivación técnica», insisten.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *