O ente supramunicipal contará con máis de 155.000 euros da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustantabilidade e Cambio Climático
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo continúa avanzando na aplicación de estratexias e iniciativas para o tratamento dos residuos, de cara á adaptación ás normativas estatais e europeas para reducir o impacto medioambiental. Precisamente, estes días a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático vén de concederlle ao ente supramunicipal unha axuda dun total por un total de 155.973,10 € para o financiamento de diversas actuacións en materia de biorresiduos.
Félix Juncal, alcalde de Bueu e e presidente actual da Mancomunidade, salienta que “temos por diante grandes retos para reducir a nosa pegada ao medio ambiente, e de aí que apostemos por iniciativas coma estas que dende o local nos levan a actuar no global”.
A axuda divídese en dúas liñas: proxectos de implantación ou mellora de recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia); e proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).
Así, no marco da primeira liña solicitáronse cincuenta contedores marróns que servirán para facer dúas probas piloto de recollida selectiva da fracción orgánica nos Concellos de Bueu e Cangas. Estes contedores estarán pechados para ter un control das achegas e só poderán botar biorresiduos as persoas con chave. Como complementarios, a Mancomunidade vai adquirir tamén 3000 caldeiros marróns de uso doméstico para repartir entre a veciñanza participante nestas probas. Esta recollida selectiva sumarase á que xa se está implantando Porta a Porta para grandes xeradores, como a hostalaría e o comercio.
Tamén con cargo a esta liña se vai contratar un software para a xestión de datos e optimización do sistema de recollida da fracción orgánica, tanto dos grandes xeradores como nos colectores de rúa; adquiriranse tres novas biotrituradoras eléctricas, que reforzarán este servizo de préstamo entre a veciñanza e que conta con moi boa acollida; e tamén se comprará un camión para a recollida dos restos vexetais e restos de poda veciñais, así como sacas reutilizables para depositar ditos restos.
Tal e como salienta Alba Álvarez, xerente do organismo “estas medidas foron propostas pola Mancomunidade como mellora á xestión da fracción vexetal doméstica, e para dar a coñecer toda a información entre a cidadanía faremos unha forte campaña de sensibilización, con actuacións a pé de rúa e charlas informativas con entrega de material promocional e divulgativo”.
Xa na segunda liña, dende a Mancomunidade propoñen a adquisición de 360 composteiros domésticos, que se entregarán entre a veciñanza xunto a un termómetro, un aireador e un manual de compostaxe doméstico. Esta axuda servirá, así mesmo, para colocar uns paneis interpretativos fixos nos Centros de Compostaxe Comunitaria existentes para informar sobre o tipo de residuos que se poden botar; e tamén se instalarán tres novos destes centros en Moaña e a ampliación en Cangas con outro.