O goberno local de Moaña acondiciona o Sendeiro do Río do Barranco do Faro, na parroquia de Meira. As actuacións consistiron no desbroce do percorrido, dende a Porta do Sol ata a zona de Quintáns, e o mantemento das varandas existentes na zona de Quintáns e a pasarela que atravesa o río. Así como a substitución dos bancos de madeira que se atopaban en mal estado, por outros de pedra.
As actuacións ascenderon a un total 8.827,62 €, IVE incluído, e foron adxudicadas o quince de abril deste mesmo ano.
Para o goberno municipal, a preservación do patrimonio natural «é unha prioridade que se vai pondo de manifesto nas actuacións que ano tras ano se levan a cabo nos sendeiros municipais».
Dende a Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Odilo Barreiro faise un chamamento á veciñanza e persoas visitantes, para que fagan un uso responsable destas rutas naturais, colaborando no mantemento e a limpeza das mesmas.