O xacemento do monte do Facho, en Cangas, está a ser obxecto dunha nova campaña de limpeza especializada por parte da Deputación de Pontevedra. Os traballos previos, que arrancaron co acondicionamento dos camiños de acceso, foron adxudicados en 49.843 euros á empresa “Patrimonio Inteligente” e contan cun prazo de execución estimado en 55 xornadas completas de traballo. O comezo da actuación estivo condicionado pola necesidade de tramitar e lograr a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, visitaron hoxe sitio arqueolóxico e comprobaron os visibles avances producidos tralos primeiros días de limpeza.
Ana Laura Iglesias explicou que o proxecto redactado e licitado pola Deputación obriga á empresa a documentarse previamente revisando toda a bibliografía dispoñible, incluíndo os informes técnicos e as memorias das intervencións xa realizadas no Facho, para alcanzar un coñecemento exhaustivo deste enclave e previr así posibles afeccións nun espazo que está declarado Ben de Interese Cultural. Xa durante a fase de limpeza, que vén de comezar, os traballos serán manuais nos sectores escavados durante as campañas de 2003 e 2018, con especial coidado no interior das estruturas consolidadas. No exterior das estruturas autorízase a utilización de desbrozadoras con fío. No sector Norte do xacemento, a carón do foxo, ao existir vexetación de maior envergadura utilizaranse desbrozadoras con disco e retiraranse tamén os eucaliptos que teñen brotado nos últimos anos. Na zona Leste, dende o camiño de subida ao monte ata o cumio retirarase a vexetación dos aterrazamentos e liberarase tamén o trazado da vía da vagoneta que estivo en servizo durante as escavacións do xacemento. Retirarase tamén todo lixo que se atope no ámbito.
Arqueólogo/a e catro operarios/as
Ademais toda a intervención de limpeza estará sometida a control arqueolóxico, supervisando a actividade sobre o terreo e balizando previamente os elementos menos visibles, como os gravados rupestres que están documentados. No caso de recuperarse material arqueolóxico será individualizado, marcado con sigla identificativa e, posteriormente, lavado e inventariado antes do seu depósito en museo. Para rematar a empresa adxudicataria deberá elaborar un informe valorativo cos resultados e tarefas efectuadas. O equipo de traballo está formado por un/unha arqueólogo/a director/a, que será o responsable da coordinación do labor que realicen os catro peóns/peoas encargados da limpeza.
Esta nova campaña de limpeza no monte do Facho encádrase dentro do programa provincial Trazas de Pontevedra, a partir do convenio asinado pola Deputación co Ministerio de Fomento para a musealización e posta en valor dos xacementos galaico- romanos da provincia. Segundo este convenio, a musealización corresponde executala ao Ministerio de Fomento, mentres que a Deputación é responsable das escavacións previas, limpeza, difusión e dixitalización das actividades. Durante as escavacións acometidas pola Deputación no ano 2018 restauráronse e consolidáronse as estruturas pétreas. Ademais, recuperáronse un total de 3.651 pezas, sobre todo fragmentos cerámicos, pero tamén pezas como unha culler de ferro, moedas romanas de bronce e unha fíbula, tamén de bronce, da Idade do Ferro. Todas estas pezas foron restauradas e depositadas no Museo de Pontevedra e parte delas integraron posteriormente a exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos”.
A importancia do xacemento de O Facho está ben demostrada tanto polas escavacións de 2018 a cargo da Deputación, como as realizadas anteriormente, xa no ano 2003. Trátase dun asentamento galaico-romano que permite achegarse á fase final da Idade de Ferro posto que o lugar interprétase como un santuario xurdido en época prerromana, cun culto que perpetúase cando menos ata o século IV despois de Cristo, de acordo coa datación sinalada para o gran conxunto de aras recuperadas na súa croa nas escavacións de 2018.