O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia quixo escoller o Auditorio para poñer en valor a súa construción e o municipio. A Gala sectorial celebrarase este sábado e a seguinte data, xa aberta ao público, será o próximo venres.
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia escolle o Auditorio de Marín para celebrar un dos seus eventos máis relevantes ao longo do ano: a Gala de Entrega dos Premios GDA (Gran de Area), cos que recoñecer os mellores proxectos desenvoltos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Organizada directamente polo COAG e destinada a arquitectos/as, aparelladores/as, empresas promotoras e construtoras e demais colaboradores deste sector, a gala celebrarase o sábado, 23 de maio, a partir das 19.00 horas. Intervirán a alcaldesa, María Ramallo; a conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o decano do Colexio, Luciano Alfaya, e o presidente da Delegación de Pontevedra, Anselmo Villanueva.
O evento estará conducido pola xornalista Alba Moledo, que irá dando paso á entrega dos premios aos 12 proxectos destacados polo xurado, entre as máis de 50 solicitudes presentadas, e que son: o alpendre reitoral de Santiago de Rabeda (Taboadela, Ourense), a reconstrución dunha edificación para aloxamento público temporal en Carballeda de Avia (Ourense), o Miradoiro da Peixeira e a subida ao Campo de San Roque de Portonovo (Sanxenxo), o pavillón de eventos do Pazo da Toxeiriña, en Moraña; a rehabilitación e ampliación dun edificio de vivendas na Rúa Progreso de Ourense, unha obra nova en Marqués de Valladares, en Vigo; a restauración da fachada oeste da Catedral de Ourense, a creación dunha vivenda unifamiliar en Mondariz (Pontevedra); o Centro Integral de Saúde da comarca do Deza-Lalín, a conservación do Museo Massó de Bueu, a restauración dunha vivenda en Vigo e a actuación realizada no encontro costeiro do Real Monasterio de Oia (Aquí poden consultarse) todas as imaxes.
“Isto é un pistoletazo de saída, pero xa temos as próximas datas para o Auditorio pechadas”, explicou a alcaldesa, María Ramallo, que considera “unha honra para o Auditorio e para Marín que o COAG queira celebrar aquí unha gala tan importante para o sector”.
Ademais, tal e como indican desde a organización, é importante subliñar o retorno económico da Gala, que ten cerca de 300 asistentes confirmados e que cubriu todas as plazas hoteleiras de Marín.
Venres 29: Mulleres de Palabras, con Arantza Portabales e Mayka Braña
A primeira das actividades programadas no Auditorio e que será totalmente aberta ao público ata completar aforo será cunha das escritoras de máis éxito do noso país e que leva o nome de Marín por todo o Estado.
Arantza Portabales fará unha presentación moi especial da súa nova novela, “Asasinato na casa do cura”, ambientada de novo nese Loeiro inspirado en Loira, e fará, acompañada da xornalista Susana Pedreira, un percorrido pola súa traxectoria literaria, destacando o papel que ten Marín na mesma.
O acto, que será ás 20.00 horas e para o que non é preciso inscribirse e é gratuíto, e contará con lecturas teatralizadas da actriz marinense Mayka Braña. O evento forma parte do ciclo da Deputación de Pontevedra, Mulleres de Palabras, co que achegar a literatura feita por mulleres a distintos puntos da provincia de Pontevedra con actividades, obradoiros e faladoiros.
Sábado 30: Concerto de Primavera da Coral Sociocomunitaria e outras convidadas
A música coral estrearase no novo Auditorio o sábado 30, a partir das 20.30 horas, co Concerto de Primavera que organiza a Coral Sociocomunitaria de Marín. Xunto a ela, actuarán a Coral Rosalía de Castro, de Vilagarcía de Arousa, e a Coral Polifónica Marusía, de Bueu. De novo, a entrada é gratuíta e libre ata completar o aforo.
