O evento, que cumpre máis dunha década de historia e que se celebrará este sábado e domingo, reunirá no Pavillón do SEI San Narciso a entre 400 e 500 bailaríns cada día procedentes de toda a Península
O Concello de Marín presentou hoxe unha nova edición do Marín Atlantic Open, unha competición de baile que xa é un referente tras máis de 10 anos de traxectoria. O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o organizador do evento, Miguel Abreu, destacaron a importancia desta cita que atraerá a centos de deportistas e visitantes á vila durante o sábado e o domingo.
Unha participación internacional de alto nivel
A competición contará cunha gran afluencia de participantes procedentes de Galicia, Portugal, Cantabria e Valencia. Estímase unha participación de entre 400 e 500 bailaríns diarios, o que converte a esta edición nunha das máis grandes dos últimos anos. Miguel Abreu salientou que «todo o baile máis importante de Galicia está en Marín este ano». O organizador tamén quixo agradecer o apoio total do Concello e as facilidades ofrecidas polo persoal de Deportes para facer posible un evento destas características.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, quixo reafirmar o compromiso da administración local con este tipo de eventos: «É un orgullo para Marín volver ser a sede dun evento de referencia nacional como o Marín Atlantic. Non só polo que supón a nivel deportivo, senón polo impacto económico que ten na nosa vila con centos de persoas que se achegan a coñecernos. Seguiremos apostando por traer a Marín competicións de todo tipo de disciplinas que promocionen un estilo de vida saudable e que poñan o nome do noso concello no mapa”.
Amplo programa de modalidades
O campionato estará dividido en varios bloques competitivos para dar cabida a diversas disciplinas:
● Bailes Caribeños: Modalidade recente que inclúe bachata, salsa e merengue en parellas, individuais e grupos.
● Standard e Latino: As modalidades clásicas (valse, tango, slow fox) e latinas (samba, chachachá, pasodobre…).
● Grupos e Solos: Unha das partes máis dinámicas, con 250 bailaríns de grupos cada día e arredor de 100 participantes.
Horarios e información
A actividade no Pavillón do SEI San Narciso será intensa durante as dúas xornadas:
● Sábado: De 09:30 a 21:30 horas.
● Domingo: De 09:00 a 21:00 horas.
O público interesado pode consultar os horarios detallados por bloques en bailegalicia.net, onde se especifica que os bailes caribeños abrirán as xornadas, seguidos pola coreográfica e as modalidades de estándar e latino polas tardes.

