O home cargaba o aparello cando este estourou, provocándolle feridas de diversa consideración.
O primeiro aviso chegou ao 112 Galicia a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que estaba a enviar dúas ambulancias ao lugar dos feitos, pasadas as 9:30 horas. Instantes despois, un particular tamén contactaba con Centro Integrado de Atención ás Emerxencias: acababa de escoitar unha explosión no porto de Cangas, na zona das casetas dos pescadores. Confirmaba que non había lapas, pero o implicado precisaba asistencia sanitaria.
Ademais do persoal sanitario, neste operativo colaboraron o Servizo de Gardacostas, a Autoridade Portuaria de Vigo, os axentes da Garda Civil e a Policía Local e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Cangas.
Foron precisamente estes últimos os que, unha vez finalizada a súa intervención, comunicaron ao 112 Galicia que o ferido foi evacuado en ambulancia ao hospital Povisa.