A Unión Local da CIG no Morrazo denuncia de forma contundente que a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo volveu deixar cunha médica menos ao servizo de urxencias de Cangas o pasado venres 25, sábado 26 e hoxe mesmo, luns festivo en Cangas.

Un día despois de que responsables da CIG se reunisen coa Alcaldesa de Cangas para denunciar a situación de falta de persoal facultativo, o Sergas tomaba a decisión de continuar coa estratexia de non substitución no periodo de máxima afluencia de visitantes a Cangas coincidindo coas festas do Cristo.

«O Sergas non ten reparos en mentir descaradamente sobre a situación sanitaria de Cangas e toma a decisión de continuar dotando de menos persoal médico ao Morrazo». «Consideramos esta decisión como un castigo ao persoal traballador por denunciar a enorme carga asistencial que padecen». «Esixiremos responsabilidades, esta situación non pode continuar».

A CIG, pedirá explicacións sobre a situación do Morrazo na mesa sectorial co Sergas e trasladará os datos sobre a falta reiterada e sistemática de persoal facultativo a alcaldía de Cangas. «Non se trata de cuestións puntuais nin de situacións de forza a maior, a non substitución de médicas obedece a permisos e vacacións programadas dende hai máis de 5 meses».

Os responsables da CIG lembran que á situación de falta de substitución do persoal se lle suma a decisión da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo de prescindir do habitual «reforzo do costa» que asumía o incremento de asistencias provocado polo aumento de poboación no verán. «No que vai de agosto, un tercio dos días o PAC de Cangas estivo atendido por dúas médicas (en ocasións unha soa)» «Compre salientar que ademais de prestar servizo para atender á poboación de Cangas e a de Moaña se lle suma ter que asumir todas as persoas que visitan a comarca chegando a triplicala». «Deste xeito auméntase considerablemente a carga de traballo do persoal médico dimunuindo a calidade na atención polo aumento do tempo de espera na asistencia e incluso chegando a poñer en perigo a saúde das persoas».

O propio titular de Sanidade, Julio Comesaña, púxose en contacto co Concello de Cangas ao día seguinte da reunión mantida coa CIG, para asegurar que as denuncias do sindicato nacionalista eran falsas, que se trataba dunha situación puntual e que estaba completamente controlada. Sen embargo, o propio día da chamada, o PAC de Cangas contaba outra vez cunha médica menos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *