Xela Arias, protagonista do Día das Letras Galegas 2021.

Tras cancelar pola chuvia imprevista o pasado 14 de maio, o exterior do
Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra será este xoves día 3 ás
20.30 horas o escenario do espectáculo ‘X Xela’. Trátase dun evento
multidisciplinar organizado polo departamento de Lingo co gallo das Letras
Galegas dentro dunha programación que continuará todo o ano baixo o
lema ‘365 días en galego’.

‘X Xela’ é dun espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a
obra da autora misturando tres formatos (música, poesía e fotografía). “Será
un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unhapoeta
tan singular”, apunta a deputada María Ortega, que subliña que a asistencia
é gratuíta, podendo reservar as prazas que quedaron libres tras o cambio de
data a través do formulario existente en www.depo.gal.

A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha
formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de
música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos
máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de
fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio
da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.

A parte poética de ‘X Xela’, comisariada por Tamara Andrés, contará con
catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da
homenaxeada: “Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo;
Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e
o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o
proxecto ‘Dúas gamberras e un micro’, que son rebeldes e denunciadoras de
desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi
presente”, subliña a comisaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *