Trátase dun investimento correspondente á Liña 2 do Plan Concellos 2020 e conta cun orzamento de máis de 36.000 euros

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar mediante Resolución Presidencial un investimento para o concello de Vilaboa por valor de 36.354 euros con cargo ó Plan Concellos 2020 a través da liña 2 para amortizacións, pago de débedas, gastos correntes e actividades. Trátase dunha subvención destinada a sufragar o gasto derivado da renovación e subministración de iluminación pública do Camiño de Santiago no núcleo rural de Santa Marta.

Esta achega provincial permitirá levar a cabo diferentes actuacións no lugar de Santa Marta, na parroquia de Bértola, que presentaba un deficiente estado de conservación da instalación actual de alumeado público. O proxecto suporá a retirada da instalación existente, composta por luminarias acaroadas a postes de madeira, prefabricados de formigón e tendido aéreo de cables; a execución de gabias para o aloxamento das conducións soterradas da instalación de alumeado público; e a subministración e instalación da rede de cables e de farois de deseño contemporáneo de luminaria LED.

A renovación ten como obxectivos principais poñer en valor a paisaxe rural do entorno de Santa Marta e aumentar a eficiencia enerxética do sistema público de iluminación, polo que estas actuacións se adecúan ós Obxectivos de Desenvolvemento Sostible enunciados pola ONU de cara á Axenda 2030, máis especificamente, ó número 7.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *