Por valor de 38.145,19 euros, a Mancomunidade do Morrazo contará proximamente cun lote de contedores especiais dedicados á recollida e tratamento dos aparellos electrónicos grazas ao proxecto ESTRAEE que lidera a Deputación de Pontevedra. Así o anunciou hoxe o presidente provincial, Luis López, en rolda de prensa previa á Xunta de Goberno. O do Morrazo é un dos 9 puntos limpos da provincia que grazas a estes fondos adaptáronse para ofrecer este servizo á cidadanía e cun borrador de ordenanza para o tratamento das diferentes tipoloxías de residuos electrónicos. Pola súa banda, a Mancomunidade comprométese a levar a cabo o mantemento das instalacións e a poñelos ao dispor da cidadanía para o seu uso.
Estes «miniecopuntos informativos” irán acompañados de tres caixas de recollida: unha para móbiles e tablets, outra para pilas e outra para cargadores.
O proxecto europeo ESTRAEE, cofinanciado polo FEDER a través do programa POCTEP, conta cun orzamento de máis de dous millóns de euros. ESTRAEE pretende converterse nun modelo en Europa de xestión responsable deste tipo de residuos, os RAEE, cada vez máis habituais, así como nun exemplo da estratexia de economía circular encamiñada a xestionar os recursos eléctricos e electrónicos de forma sostible.