Trátase do paquete de medidas de resposta municipal ante unha emerxencia como un incendio ou inundación de gran relevancia
A Comisión Técnica permanente de Protección Civil homologa o Plan de Emerxencia Municipal do concello de Cangas ( PEMU-Cangas). O obxecto deste conxunto de medidas é preparar unha resposta municipal de maneira que consistorio teña un dispositivo permanente en función dos riscos detectados, unha estrutura de mando e uns procedementos de actuación e catalogación dos medios cos que conta. Así, a finalidade é que con esta planificación as actuacións que leven a cabo, por exemplo en caso de incendio, inundación ou algún tipo de desastre importante, sexan as máis adecuadas ao incidente acontecido.
O PEMU cangués ten dúas vertentes, por unha banda a preventiva e de autoprotección. Con elas búscase o maior grao de protección ás persoas e bens que puidesen verse afectados e o restablecemento da normalidade. En segundo lugar, conta cunha vertente operativa, establecendo pautas de coordinación para os distintos grupos operativos intervenientes nunha situación de emerxencia.
A Comisión Técnica permanente de Protección Civil é un órgano de estudo e proposta dos temas que vaian pasar a debate e aprobación pola Comisión Galega de Protección Civil, así como, a adopción de acordos naquelas materias delegadas pola Comisión Galega de Protección Civil, entre outras, a homologación dos plans municipais.
A reunión de hoxe estivo presidida polo director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva.