A Cofradía do Nazareno presentou esta mañá a solemne novena deste ano, que coincide co 70 aniversario da cofradía. O presidente, Celestino Esperón, e o párroco David Mohedano, acompañados pola alcaldesa, María Ramallo e o concelleiro Manuel Santos presentaron as citas que haberá desde o xoves 24 de febreiro ata o venres 4 de marzo.
Cada día haberá unha visita dun bispo de Galicia. “Nunha situación coma esta, que nos desborda un pouco a todos, queremos que este sexa un faro para as persoas que están a pasalo mal”, explicou o párroco. Por iso, cada intervención dos obispos centrarase na mirada de Cristo sobre “personaxes bíblicas que representan situacións actuais”.
O xoves 24 de febreiro, a novena a cargo de Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo, sobre a mirada de cristo a Zaqueo. O venres, 25, será o bispo Alfonso García Cadiñanos, de Mondoñedo-Ferrol, que falará sobre a Creación. O sábado 26, será o bispo Leonardo Lemos Montanet, de Ourense, e o domingo 27, o arzebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio.
Xa a seguinte semana, o luns 28, será a quenda do bispo de Tui-Vigo Luis Quinteiro. O martes, 1 de marzo, o bispo auxiliar de Santiago, Francisco J. Prieto Fernández, e o mércores 2, será o bispo de Astorga, Jesús Fernández González quen oficie a novena. Finalmente, o 3 de marzo acudirá o bispo emérito de Tánger, Santiago Agrelo Martínez, e o venres 4, Día do Nazareno, virá o cardeal arcebispo de Valladolid, Ricardo Blázquez Pérez.
A alcaldesa quixo felicitar á cofradía “por todo o traballo que levan facendo desde hai 70 anos ininterrompidos, un traballo que ten un impacto importante na nosa vila e na xente”.
Pregón de Semana Santa e réplica do Nazareno
Por outra banda, a cofradía informou de que por primera vez haberá pregón de Semana Santa en Marín. “Queríamos facelo o ano da pandemia, pero tivemos que pospoñelo”. Será o Cardeal Carlos Amigo quen o presida o 9 de abril. Ademais, con motivo do aniversario, a Cofradía fixo unha réplica do Nazareno tal e como está exposto na Igrexa. “É un detalle que queremos regalarlle a todos os bispos e ao cardeal que nos van visitar, así como ás institucións e empresas que colaboran de forma desinteresada con nós”.