Creáronse aulas multifuncionais con xogos de mesa, videoxogos, mesas de ping pong, de tenis e, mesmo, un futbolín. Ademais, desde o 21 de decembro e ata o 7 de xaneiro organizáronse talleres nos que os mozos poderán participar previa inscrición
O goberno local de Moaña, e especialmente o edil de Mocidade e Igualdade, Xosé Daniel Costas, empeñouse en impulsar a Casa da Mocidade e convertela nun lugar activo para os niñ@ s e para a mocidade do municipio. Un espazo de encontro que os mozos teñan en conta cando pensen en reunirse, compartir afeccións, practicar determinados deportes e, mesmo, rir coa Wii… E para logralo déronlle un aire novo con estancias multifuncionais nas que compartir diferentes experiencias.
Na primeira planta os usuarios e usuarias poderán gozar de xogos tradicionais de madeira, ping pong, videoxogos, xogos de mesa, zona » chill out» para pelis, aula de informática (aula cemit) ou un recuncho informativo tanto sexual como académico e laboral.
Na planta baixa, un futbolín e unha mesa de tenis, ademais dun salón polifuncional con mesas que poden ser usadas para a lectura, a escritura ou traballos en equipo.
A alcaldesa, Leticia Santos, e a tenente de alcaldesa, Marta Freire, acudiron esta mañá á Casa da Mocidade para, xunto ao edil, poder visitar as instalacións e, mesmo, divertirse con algunhas delas.
Xogos tradicionais. Xogando ao frontón.
Xogos de mesa. Zona «chill out»
Obradoiros de Nadal
A intención do concelleiro de Mocidade é ofrecer alternativas á mocidade de Moaña durante as próximas dúas semanas non lectivas e para iso tamén organizou distintos obradoiros que se desenvolverán na Casa da Mocidade.
O primeiro será de introdución á arte urbana con spray (grafiti) o 21 de decembro entre as 16:00 e as 20:00 horas e, ao finalizar, concerto de Amorodo X Verso Libre. O martes seguinte, 28 de decembro, de 18:00 a 20:00 horas, taller de Ilustración Feminista Bravas e, novamente, para concluír concerto acústico de Braava!.
O venres 24 torneo de futbolín en parellas de 10:00 a 14:00 horas, o venres 30 torneo de tenis de mesa no mesmo horario e o venres 7 de xaneiro, xogos tradicionais durante a mañá. Nestes `Torneos de Nadal´ os tres primeiros seleccionados terán premios e o resto de participantes poderán entrar no sorteo doutros.
E para os afeccionados ao xadrez, o día 30 de decembro, primeiro torneo de Nadal con 24 prazas e para todas as idades.
Para participar será necesaria inscrición previa ata o mesmo día de celebración do obradoiro e dos torneos a través do correo mocidade@concellodemoana.org ou no whatsApp 649683923. Os concertos serán ata completar aforo.