Jose Luis Álvarez e Itzíar Álvarez na presentación do Congreso.

O vogal da Sociedade Española de Vexiloloxía, Jose Luis Álvarez, presentou o evento, que se celebrará a fin de semana do 2 e 3 de outubro, acompañado pola concelleira Itziar Álvarez

A Biblioteca Municipal Vidal Pazos acollerá a próxima fin de semana o XXXVI
Congreso Nacional de Vexiloloxía, a disciplina que se adica ao estudo das
bandeiras no seu amplo sentido e que a día de hoxe forma parte fundamental da
Semiótica.

O evento está organizado pola Sociedade Española de Vexiloloxía e o seu
representante, Jose Luis Álvarez, desvelou esta mañá o programa do que constará
o congreso, acompañado pola concelleira Itziar Álvarez.

O venres 1 de outubro, ás 19.00 horas, levarase o cabo a recepción de congresistas e a recollida de credenciais. O sábado, día 2, celebrarase ás 09.00 horas a asemblea xeral da SEV, e despois, a partir das 10.00 horas, inaugurarase o congreso, coa presenza da alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Ás 10.15, presentarase o libro “Banderas y escudos de Pontevedra” e ás 10.30 será a quenda de José Luis Álvarez Ruiz de la Hermosa, que falará dos vexilos navais no “Mar de los mil nombres”. A partir das 11.00, Francisco Meis Durán falará das bandeiras significativas da vila do Grove e ás 11.30, Verónica García Blanco disertará sobre a restauración de bandeiras e estandartes da Garda Real na Real Fábrica de Tapices.

Ao mediodía, Luis Miguel Arias Pérez ensinaranos como representar correctamente a bandeira de Brasil e, media hora máis tarde, José Domingo Vales-Via desvelará todo o que non contou no seu libro “Banderas y Escudos de Toledo”. Pechará a sesión José Enrique Guardia de la Mora falando de cromatismo vexilolóxico español. O congreso retomarase ás 16.00 horas coa intervención de Francisco Javier Fuentes Gil, que analizará a bandeira do 6o Rexemento de Zapadores Minadores. Tamén, ao longo da xornada, haberá unha mención especial para as persoas falecidas relacionadas coa Sociedade, como o socio fundador Jose Luis Bruguef.

Ás 17.00, será a quenda de Rafal Álvarez Rodríguez, que fará un percorrido pola bandeira nacional na Transición (1978-1982), e media hora máis tarde, desprazarémonos até Centroamérica para coñecer as bandeiras dos pobos indíxenas, da man de José Manuel Erbez Rodríguez.

Ás 18.00 horas, Carlos Lozano Liarte exporá como eran as bandeiras da Policía Nacional desde a época de Alfonso XIII ata a de Felipe VI. E despois da súa intervención, Kryštof Huk y Petr Holas explicarán como foi o camiño das municipalidades checas e eslovacas cara as súas bandeiras, como prato final da
xornada.

O domingo, ás 10.00 horas, Gerardo López-Mayotal Hernández, realizará unha análise do panorama vexilolóxico actual no Exército de Terra, e despois, Gerard Mendoza Ferrandis, falará de Vexiloloxía antártica.

Durante a sesión do domingo, que se desenvolverá durante toda a mañá, tocaranse tamén temas como as grímpolas das entidades, organizacións e federacións españolas de ámbito nacional, autonómico e provincial; o estudo das bandeiras municipais de Chile ou a simboloxía das policías indíxenas e territoriais de África Occidental.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí