O Concello de Vilaboa acometerá unha mellora integral do camiño de O Toural ao Picho a través dunha achega económica aprobada pola Deputación Provincial dentro do Plan Concellos e que ascende a 83.256,68 euros.
Ademais da renovación e mellora do firme a actuación inclúe elementos de humanización en todo o trazado do vial que favorezan o seu uso por parte dos peóns así como as máximas garantías en canto a seguridade vial.
O vial, que soporta unha alta intensidade de tráfico, conta con dos carrís destinados ao tráfico rodado para ambos sentidos sen espacio destinado ao tránsito peonil e sen elementos de calmado de tráfico.
A actuación manterá os actuais límites do vial pero reservará un espacio pintado con slurry, cun ancho variable, que estará reservado para os peóns. No futuro, tras xestionar as cesións oportunas, a intención do Concello é ampliar esta zona para lograr un ancho óptimo para o paso peonil.
A obra inclúe tamén a dotación de badéns que estarán debidamente sinalizados así como o repintado de todo o camiño e a instalación de iluminación led.
O goberno local de Vilaboa presentou esta actuación ao Plan Concellos xa que o camiño de O Toural ao Picho é unha eixo central no proxecto de converter esta zona no núcleo referencial de Vilaboa, ao concentrar todos os servizos administrativos, sanitarios e educativos, así como o futuro tanatorio que impulsan os comuneiros.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, ten claro que o desenvolvemento do municipio pasa por unha serie de actuacións que pasan polo desenvolvemento dun área industrial e a aposta por chan residencial partindo dun núcleo central que é O Toural. “Temos moi claro que é o que queremos para Vilaboa e como queremos facelo e a mellora deste camiño está enmarcada nese ambicioso proxecto. O Toural ten que ter unha rede viaria en condicións, que facilite o tráfico rodado pero sen esquecer aos veciños. Vai ser o noso núcleo de referencia e eso ten que apreciarse tamén na estética, por eso esta actuación presta atención a diversos elementos humanizadores do entorno”.