A rexedora e o concelleiro de Medio Rural acudiron á zona xa executada coa veciñanza e anunciou que xa se está redactando o proxecto para a segunda fase
A alcaldesa, María Ramallo e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acudiron coa veciñanza de Pastoriza a comprobar a execución do primeiro tramo da mellora do vial que conecta este núcleo coa PO-313.
Esta primeira fase da obra, que se estendeu desde a Lagoa de Pastoriza ata a metade do traxecto da estrada, consistiu no ancheamento máximo para permitir o paso sen problemas dun coche e un autobús, que até agora coincidían nun trazado moi estreito. Ademais, creouse un muro de contención para protexer o vial dun pozo de regadío e gañar seguridade viaria e mellorouse a drenaxe e realizáronse novas cunetas, xa que é unha zona na que se concentra moita humidade.

A alcaldesa explicou xunto aos veciños e veciñas que esta actuación “era moi importante porque ademais do estado degradado no que se atopaba antes a estrada, este é un dos núcleos que temos máis afastado e que merece, igual ca o resto, ter unhas conexións modernas e seguras coa vía principal”.
De feito, adiantou que “xa estamos redactando o proxecto da seguinte fase, que será dende a metade do traxecto ata entroncar coa PO-313, mantendo a mesma filosofía que aplicamos neste tramo que hoxe visitamos”.
A inversión foi de máis de 50.600 euros, a través dunha subvención do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a cuxa nova convocatoria do 2025 tratarase de concorrer co proxecto do seguinte tramo.