Xunto a ela estarán tamén a rexidora de Oia e os alcaldes de Moraña e Poio
As entidades locais gobernadas polo Partido Popular na provincia de Pontevedra estarán representadas na Federación Galega de Municipios e Provincias para o mandato 2023-2027 pola alcaldesa de Marín, María Ramallo; a alcaldesa de Oia, Cristina Correa; e os alcaldes de Moraña e Poio, Sito Gómez e Ángel Moldes, respectivamente.
Os representantes pontevedreses no consello federal da Fegamp foron elixidos no decurso da XI Asemblea Ordinaria da entidade, celebrada en Santiago de Compostela e na que se constituíron os órganos directivos desta entidade para o novo período.
María Ramallo, en nome dos seus compañeiros, agradeceu a oportunidade que se lles brinda “para representar aos concellos pontevedreses na defensa dos seus intereses e da veciñanza, así como tamén para facer as súas achegas ás iniciativas da Xunta de Galicia en materia lexislativa”.
Ramallo indicou que é esencial a colaboración entre administracións é esencial “se queremos que os nosos concellos podan ofrecer servizos de calidade para fixar poboación”, por iso expresou o seu desexo de que este novo mandato da Fegamp “permita ofrecer solucións ás demandas de toda a cidadanía, e non como desgraciadamente estamos a ver con privilexios entre territorios por puros intereses partidistas”.