O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, recibiu esta mañá á alcaldesa de Cangas, María Victoria Portas Mariño, xunto coa concelleira de Emprego e Persoal, Sagrario Martínez Ferrari, e o responsable de Protección Civil do municipio, Cesáreo Coya, para coñecer as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias CIAE 112 Galicia no concello da Estrada. Tamén participaron o subdirector xeral de Planificación e Protección e Civil, José Antonio Grandas e o xefe de Área do CIAE 112 Galicia, Diego Núñez.
«Esta aproximación serviu para coñecer a dinámica do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, e falar dos recursos e das necesidades que temos no equipo de emerxencias de Cangas», explicou Portas, que aproveitando a visita acercouse ao 061 para compartir unhas palabras coa súa Directora, coa que xa falara en outras ocasións respeito a situación da ambulancia de Cangas e a necesidade de outra.
«Sempre é moi importante ter ese contacto directo coas persoas coas que falamos de acotío para que as relacións sexan mais fluidas e persoais», considera a alcaldesa, que quere agradecer ao seu homólogo da Estrada, José López, que se achegase ata as instalacións.