O delegado territorial co alcalde, a portavoz do PP en Bueu e os técnicos visitando a senda da Portela.

O pasado 20 de decembro o alcalde de Bueu, Félix Juncal, expediu a resolución pola cal se pagou unha nova sanción ao Concello de Bueu. Desta vez foi Augas de Galicia quen multou a Bueu por “desatender a un requirimento”, no que solicitaba información sobre unha vertedura na praia de Agrelo. Logo de que o goberno local ignorase dita petición, Augas de Galicia iniciou un expediente sancionador, que terminou cunha multa de 500 euros que, unha vez máis, terán que pagar todos os bueueses.

Despois de ter coñecemento desta nova sanción, a voceira popular, Elena Estévez, cuestionou a actitude “totalmente pasota” do goberno local, quen “decidiu dar a calada por resposta, activar o modo silencio e opaco, e non colaborar en absoluto coa Administración Autonómica”, a pesar de saber as consecuencias que podía ter o seu comportamento. Así, reprochou que “Juncal crea que os anos de mandato lle dan vía libre para non cumprir coas súas obrigas e desatender un requirimento de Augas de Galicia”, polo que o animou a “dar un xiro de temón e, dese xeito, preocuparse máis por Bueu e menos polo seu goberno e si mesmo”.

Ademais, Estévez tamen sinalou “o absurdo que supón que Bueu teña un concelleiro encargado do control das concesionarias (Julio Villanueva) para non só non avanzar, senón para que tamén nos multen debido as diferentes actuacións”. “Talvez a Villanueva non lle importe en absoluto o que ocorra e siga como durante todo o mandato co seu característico perfil baixo, mais o exemplo que se está dando é o contrario do que debe facer un goberno local”, indicou, poñendo o foco sobre “con que cara o goberno lle di á cidadanía que ten que facer todas as xestións segundo a lei, cando despois son eles os primeiros en ignorar os seus deberes e a normativa”.

“Coma sempre, desde o goberno dirase que non hai problema, que hai cartos dabondo na caixa e que non pasa nada, pero a realidade é que as consecuencias do pasotismo de Juncal e Villanueva as teñen que pagar todos os veciños de Bueu, non eles do seu peto”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *