Plano da rotonda na Portela.

Construirase unha nova glorieta de 40 metros de diámetro, con 2 carrís de circulación e beiravías exterior e interior, que substituirá a intersección actual reconfigurando os  xiros e accesos da circulación

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou o proxecto construtivo para a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-551, na contorna do núcleo da Portela, no concello de Bueu, como así recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).

A actuación proxectada no punto quilométrico 14+400 da estrada Marín-Rande, que comunica as localidades de Bueu e de Cangas, suporá un investimento de preto de 530.000 euros, e é necesaria para o desenvolvemento urbanístico do polígono industrial da Portela. Dáse así cumprimento ao compromiso adquirido cos empresarios do polígono, para que sexa posible a súa urbanización.

Trátase da reordenación da intersección da PO-551, na que conflúen con escasos 45 metros de diferenza a estrada EP-1301 A Portela–Beluso e un pequeno viario de acceso ao núcleo da Portela. Desde a PO-551 están permitidos os xiros cara á vía provincial EP 1301, tanto no sentido Cangas como no sentido Bueu.

O Diario Oficial de Galicia de hoxe tamén recolle a aprobación do expediente de información pública deste proxecto. Toda a información pode consultarse no seguinte enlace ao DOG: https://bit.ly/3tglCgV .

O proxecto definido polo departamento de Infraestruturas da Xunta ten por obxecto a reordenación da citada intersección mediante a execución dunha nova glorieta de 40 metros de diámetro e anel central de 20 metros, que solucionará a intersección entre as tres vías de circulación reconfigurando os xiros e accesos. A glorieta proxectada disporá de 2 carrís de circulación de 4 metros de ancho e beiravías exterior e interior de 1 metro.

A actuación requirirá, ademais, a modificación do trazado da EP-1301 e o viario de acceso ao núcleo da Portela no tramo inmediato á unión coa glorieta. Na estrada PO-551 manterase o trazado, ampliándose a calzada nos 60 metros anteriores e posteriores á glorieta para poder dispoñer de dous carrís de entrada á mesma.

No proxecto aprobado tense en conta tamén a complexidade do xiro á dereita desde a PO- 551 sentido Bueu–Cangas cara á EP-1301, para o que deseñou unha vía de acceso directo aproveitando o ancho da calzada existente na intersección.

As achegas incorporadas

Tras a análise das achegas presentadas no proceso de información pública, a intervención proxectada introduce distintas modificacións, como a inclusión nas dúas marxes da estrada provincial EP-1301 de sendas peonís a nivel, cun ancho mínimo de 2,5 metros, balizadas mediante ollos de gato. Ademais incorpórase a execución nesta mesma vía provincial dun paso de peóns sobreelevado para conectar as dúas marxes da mesma.

Na actuación proxectaranse tamén salvagabias nos dous accesos existentes na marxe dereita da EP-1301, para permitir o acceso ás parcelas por riba da nova cuneta en formigón; e incorporarase ao sinal S-300 o texto “San Amedio” con distancia 2,5 km e modificarase a distancia indicada ao núcleo de Beluso, pasando a ser de 4 km.

Cómpre destacar que o trazado do conxunto da intervención coordinouse coa modificación puntual do S.A.U.I -1 -polígono industrial A Portela-, xa que os terreos ocupados pola glorieta situados na marxe sur están dentro desta área. Tamén se coordinou coa obra, xa rematada, da senda na PO-551, entre Trasouto e o Alto da Portela, que contou cun investimento autonómico de 645.000 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *