Aseguran que case todos eles «están abertos» porque «localizar aos propietarios non é tarefa fácil»
O goberno local de Vilaboa, ante as acusacións do PP referentes á inacción do Concello de Vilaboa en materia de prevención de incendios, deféndese asegurando que «no ano 2021 a administración local contou cun técnico en medio ambiente que prestou os seus servizos de maio a decembro, periodo no que tramitou máis de 300 expedientes de limpeza de fincas». Fontes do goberno que encabeza o socialista César Poza aseguran que neste momento case todos eles están «abertos» porque «localizar aos propietarios non é tarefa fácil».
Deste xeito, insisten desde o Concello, «son moitas as zonas do término municipal que este ano viron como os particulares propietarios limparon as fincas de maleza por primeira vez en moitos anos».
Destacan tamén que o Concello ten en marcha unha ordenanza de ornato que contemple o marco legal no que a administración local ten que actuar no caso de denuncias por vexetación que non se axustan á lei de incendios.
«Para o Concello de Vilaboa é prioritario manter a limpeza de fincas e montes, polo que en máis dunha ocasión se advertiu aos propietarios da súa obrigación de desbrozar e da intención da administración de facelo e derivar a factura dos costes en caso de que os donos dos terrenos con maleza desoiran a súa obriga», aclaran.