Os servizos da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo estarán dispoñibles nunhas semanas na Casa da Aldea de Meiro e comezará a funcionar en febreiro
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo (AFAMO) xa ten sede en Bueu. O Concello cedeulles un espazo na Casa da Aldea de Meiro do que esta mañá o alcalde, Félix Juncal, entrou as chaves ao seu presidente, Fina Cancelas.
AFAMO constitúe a única entidade de referencia no eido das demencias da comarca do Morrazo que ofrece unha resposta integral a través do desenvolvemento de programas específicos de intervención coas persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas, coas súas familias e coa comunidade en xeral. Dende fai anos xa están en Cangas, Moaña e agora aterran en Bueu. Tal e como salientou o alcalde, “é importante que o gran traballo social de AFAMO conte co apoio das institucións públicas, e por iso contan co compromiso do Concello de Bueu”.
Tal e como apuntou Fina Cancelas, presidenta do colectivo, “esta sede permitirá ofrecer os nosos servizos á cidadanía de Bueu, da que temos moita demanda dende hai anos”, e salientou que “o espazo ofrece moitas posibilidades ao estar nun ambiente con presenza da natureza, e no que se cumpren todas as medidas de mobilidade e accesibilidade que son prioritarias para nós”.
Así, na sede da Casa da Aldea de Meiro, que comezará a funcionar a partir de febreiro, habilitaranse servizos para as persoas afectadas, a través da unidade terapéutica de demencias, que consiste na realización de actividades específicas e individualizadas destinadas a persoas con deterioro cognitivo ou afectadas dunha demencia máis leve e que ten como fin rehabilitar ou enlentecer a progresión do deterioro das capacidades cognitivas, físicas e sensoriais. As familias serán outro dos eixos fundamentais de atención da entidade, que conta cun programa de apoio psicolóxico á persoa coidadora, con posibilidade de atención presencial nos domicilios ou telefónica, un programa de asesoramento e orientación ás familias, outro de acompañamento na enfermidade ás familias dende o inicio da enfermidade, e un programa de formación especializada. A comunidade será o terceiro eixo, e a entidade ofrecerá propostas relacionadas co envellecemento activo ou un servizo telefónico de atención permanente, entre outras.
Esta nova sede abrirá de luns a venres polas mañás (de 10.00 a 13.00 horas) para desenvolver os traballos coas persoas usuarias, ás que lles realizará un estudo previo para coñecer o seu estado, e os martes e xoves tamén en horario de tarde para as charlas formativas e os talleres de envellecemento activo. As persoas que queiran participar nos diversos programas deberán contactar con AFAMO ou co Departamento de Benestar Social do Concello de Bueu.