Votación no pleno extraordinario dos orzamentos.

“Os Orzamentos Municipais para o ano 2022 ignoran a economía de Bueu, demostrando que o interese do goberno local en que os autónomos e empresarios de Bueu se recuperen é nulo”. Con estas palabras referíase Elena Estévez, voceira do Partido Popular, ao que, ao seu ver, é “un novo esperpento de Félix Juncal e Julio Villanueva, que creron que coa campaña de bonos que propuxemos desde o PP e con repartir os cartos que deu a Deputación de Pontevedra xa chegaba e non había que facer nada máis”. Pronunciounas no pleno extraordinario celebrado esta mañá para debater os orzamentos municipais para este 2022. Unhas contas que saíron adiante cos votos a favor dos partidos do goberno local (BNG-ACB), a abstención do PP e a ausencia do PSdeG.

E é que, para Estévez, “este ano constátase o que é unha falta de interese cara a todos os autónomos de Bueu, que levan facendo fronte durante máis de dous anos a unha crise moi dura e que ven como o goberno local, o que debería estar máis achegado á cidadanía e ás súas demandas, lles dá as costas totalmente”. Así, a voceira popular amosou o seu descontento e o do Partido Popular ante o feito de que o goberno só recolla este ano unha partida de 9.000 euros para subvencións na área de comercio, cando o pasado ano se recolleron 50.000 para os bonos e estes funcionaron moi ben, esgotando máis do 90% do orzamento en tan só dúas semanas.

O documento publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), tras o que se abrirá un período de exposición pública de quince días para a presentación de alegacións.

«rigorosos e realistas»

Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda, comezou a súa intervención apuntando que “estamos diante duns bos orzamentos, na liña dos últimos anos, que permiten seguir fortalecendo as políticas sociais que se veñen implementando, sen que isto supoña un empeoramento da situación financeira do Concello”, polo que “son orzamentos baseados na estabilidade orzamentaria”. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde da vila, destacou “a liquidación do exercicio 2021 e o remanente de tesourería positivo, o que fai que o Concello goce dunha boa saúde financeira, pois atrás quedaron os tempos escuros, de déficit orzamentario consciente, de débeda galopante, de caos e de falta de xestión”.

O orzamento ascende a 6.950.000 € no capítulo de gastos, e a mesma cantidade na parte de ingresos. Como avanzan dende o goberno local, trátase duns presupostos “rigorosos e realistas, tanto na parte de ingresos como de gastos”. Así, nos gastos inclúense persoal, compras correntes de bens e servizos, intereses, transferencias correntes, investimentos reais, transferencias de capital, pasivos financeiros, e amortización de préstamos. Con respecto aos ingresos, o incremento na participación dos tributos do Estado, as liquidacións pendentes de IBI e o incremento do padrón permiten dar ese salto até os case 7 millóns de euros, sen que fose necesario recorrer ao aumento de impostos, que se manteñen conxelados dende o ano 2005. Mentres, no apartado de gastos, este orzamento permite financiar o custe real, actual e anual do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), do servizo de xestión tributaria, así como a previsión do custe do futuro contrato de xestión dos servizos da piscina municipal.

Estes orzamentos recollen, así mesmo, a novidade de que inclúen un incremento de 180.000 euros en persoal, derivados da aplicación da recentemente aprobada Relación de Postos de Traballo (RPT). Grazas a iso, cumprirase co compromiso de mellorar as condicións retributivas do persoal municipal, que é posible sen incrementar os impostos municipais, tal e como xa se anticipara dende o goberno local.

O pleno tamén sacou adiante por unanimidade de toda a corporación a proposta de modificación da ordenanza fiscal nº 5 reguladora do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana. Esta actualización vén imposta por unha sentenza do Tribunal Constitucional, e o texto substitúe as porcentaxes anuais que había no anterior texto por uns coeficientes máximos en función do número de anos transcorridos dende a adquisición do terreo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *