Onte fixeron o segundo curso de primeros auxilios da man da Sociedade Española de Medicina Familia e Comunitaria
Máis vale previr que curar. Este refrán téñeno claro os directivos do club de voleibol Maniotas de Cangas e por iso queren que a totalidade das súas adestradoras estean formadas en primeiros auxilios. Durante o día de onte participaron da man da Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (SEMFYC) nun curso na Casa da Xuventude onde aprenderon as principais manobras de reanimación, a usar un desfibrilador e a dar resposta ante posibles golpes de calor.
Trátase dun curso oficial de soporte vital básico e de desfibrilaciones semiautomáticas que, ademais, foi complementado con manobras para actuar en caso de atragoamento, control de hemorraxias ou de indisposición provocada polas altas temperaturas. En definitiva, as adestradoras do Maniotas buscan estar preparadas para prestar os primeiros auxilios no campo a calquera xogadora ou asistente que poida necesitalo. Non é a primeira vez que se preparan. Este xa é o segundo formativo e, seguro, que continuarán ampliando coñecementos.
Dentro deste interese por previr para os campamentos de verán nos que participarán mozos de diferentes idades, desde o club tamén solicitaron á SEMFYC recomendacións para evitar, na medida do posible, síncopes derivados da calor ou a deshidratación como a modificación do calendario de adestramentos. Óscar Graña, como representante da entidade sen ánimo de lucro, aconsellou hidratarse e realizar as actividades máis intensas á primeira hora da mañá para evitar as horas con maior exposición.
Necesidade de máis desfibriladores
No curso quedou patente a necesidade de instalar máis desfibriladores en Cangas como medida de atención rápida ante unha parada cardíaca. O seu uso nos primeiros minutos é vital para salvar vidas. Por iso, Graña demandou contar con estes aparellos tanto en lugares onde se produce gran concentración de persoas pero tamén nas parroquias e nas comunidades de veciños. Ademais, fixo un chamamento de dar de alta na base de datos do 061 os desfibriladores que xa existen para que os sanitarias poidan telos localizados en caso de necesidade. Aínda que legalmente non é obrigatorio, si é recomendable e necesario por saúde e supervivencia das persoas. «Pódese dar o caso de que unha persoa faleza a pesar de ter un desfibrilador preto. Se non está identificado polo 061 non se sabe que existe», advertiu o técnico sanitario.