Será unha oportunidade única para coñecer os viños das cinco bodegas que forman parte da indicación xeográfica protexida, os días 8, 9 e 10 de xullo na Alameda
A Alameda de Marín acollerá esta fin de semana, do 8 ao 10 de xullo, a I Festa Dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo, unha cita imperdible para os amantes do viño e da nosa tradición vitivinícola, na que se poderán degustar e catar as distintas variedades que producen a Adega de Ardán, Os Areeiros, Videiras no Mar, Viñas del Monasterio e Reboraina.
Estas son as bodegas que terán unha caseta na festa e que forman parte da asociación montada ao redor desta indicación xeográfica protexida, unha figura que, tal e como lembraba hoxe Fina Cabaleiro, “costou moito conseguir”. A súa bodega, a Adega de Ardán, foi o sitio escollido para presentar esta festa, coa compañía da alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Manuel Santos e Pablo Novas.
Tamén estiveron presentes Guillermo Martínez, de Os Areeiros, e Sergio Fernández, da adega do Mosteiro de Poio. No caso de Ardán, levan desde o 2021 sacando adiante produción vitivinícola, pero é desde o 2018 cando xa o poden facer baixo a IXP.
O obxectivo, tal e como remarcou a alcaldesa, “é que con esta festa os veciños de Marín e todos os que veñan pasar uns días polas nosas festas coñezan estes produtos e, sobre todo, sexan conscientes que aquí tamén temos unha produción importante, de calidade, que se exporta e que acadou un selo gastronómico tan importante como é o da IXP, que só hai cinco en Galicia”.
Pola súa banda, os bodegueiros afirmaron que aínda que esta primeira edición será na nosa vila, o obxectivo é que a festa poida ir rotando nos distintos concellos nos que se asentan as bodegas da IXP. Fina, da Adega de Ardán, quixo “agradecer ao Concello a disposición para poder celebrar esta festa”, na que se servirán copas cun prezo único e haberá tamén pulpo, xamón ao corte e moitas sorpresas máis.