A multiculturalidade, moi en parte pola marcada emigración e a xeración de emprego portuario, é un rasgo definitorio da nosa vila. A comunidade ghanesa é unha das que máis presenza ten en Marín e agora unirán esforzos para crear unha sinerxia cultural e social entre Ghana e Marín.
Ese é o obxectivo da Asociación Ghana Unión Marín Pontevedra, de recente creación, e con cuxos representantes de reuniu esta mañá a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez. “O que nos trasladaron os membros da asociación é que precisamente buscarán que o noso pobo coñeza mellor a súa cultural, totalmente diferente á nosa, a través de actividades como obradoiros de música tradicional, degustacións gastronómicas…”, explicou a edil.
Para iso, tal e como se falou na reunión de hoxe, elaborarán unha programación de actividades que lles permitirá propoñer temas concretos ao Concello e así poder achegar a toda a cidadanía marinense interesantes datos e cuestións relacionadas co seu país.
“Coñecernos entre nós e fomentar a investigación de novas culturas sempre é sinónimo de integración e de tolerancia e esa é unha liña na que sempre atoparán o noso apoio”, explicou Rodríguez.