Tamén animou aos promotores públicos e privados a aproveitar as axudas convocadas en febreiro para construír vivendas para alugueiro social en solo público
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, animou hoxe aos veciños de Marín a aproveitar as axudas que xestiona e ofrece a Xunta para a rehabilitación e a mellora enerxética do parque residencial, asegurando que as convocatorias que se publicarán este ano permitirán realizar múltiples actuacións tanto en vivendas de maneira individual como en edificios de uso colectivo.
Da mesma maneira, o director xeral animou aos promotores de vivendas, tanto públicos como privados, a aproveitar as axudas financiadas con fondos europeos do programa Next Generation UE para construír vivendas protexidas destinadas a alugueiro. Así o indicou Heriberto García urbana durante a xornada Marín urbano, para vivir, na que participou en representación da Xunta no marco dunha mesa de traballo centrada na análise da vivenda, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración no municipio.
Tras expoñer as diferentes liñas de axudas que ofrece a Xunta de Galicia tanto para particulares como para promotores, centrou a súa intervención nas axudas para a rehabilitación de vivendas, indicando que este ano se publicarán tres liñas destinadas á mellora enerxética de inmobles construídos cunha dotación global que supera os 43 millóns de euros. Ademais, haberá axudas para a accesibilidade en e ás vivendas. No caso de Marín, máis alá das novas convocatorias previstas e dirixidas a propietarios particulares, os veciños tamén poden beneficiarse das axudas reservadas para intervir na Área de rehabilitación integral (ARI) do municipio, que ten actualmente en execución 1,25 millóns de euros; e das axudas para actuacións a nivel de barrio, financiadas con fondos europeos, e no marco das cales a Xunta asignou ao concello de Marín o ano pasado un total de 250.000 euros.
Polo que respecta á construción de novas vivendas, o director xeral do IGVS animou tamén aos promotores asistentes a acollerse á convocatoria xa publicada o pasado mes de febreiro, por importe de 8,4 millóns de euros, para fomentar a construción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes sobre solo público, dirixida tanto a concellos e promotores públicos como a empresas privadas.