Aínda que o abanico é amplo, a segunda reunión das catro forzas políticas de esquerdas (BNG-PSdeG-AV-EU) deu un paso máis. Os representantes dos partidos que compoñen a comisión negociadora acordaron uns «principios básicos comúns» que pasan pola «vontade» de todos os presentes de «dotar a Cangas dun Plan Xeral, tramitar con urxencia os orzamentos para este 2023 e elaborar o documento económico para 2024 e avanzar na aprobación do PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible)». Así o trasladaba hoxe a Morrazo Noticias Oliver Álvarez, portavoz do comité e representante do BNG cangués.
Agora serán as diferentes agrupacións políticas de forma individual as que deban plasmar por escrito como quererían que aparecesen estes puntos reflectidos no pacto de goberno para que na próxima reunión, que terá lugar o mércores ás 11:00 horas na Cámara Agraria, poder elaborar un documento conxunto que obteña o visto bo de todos os partidos.
Outro dos apartados que se tratou foi o das áreas de goberno e as competencias que terían cada unha delas. Sobre este asunto non se facilitou máis información á espera de que «se madure» para poder ir avanzando.