A medida, iniciada o pasado mes de xullo, busca entre outras cousas correxir os erros do Catastro na calificación de fincas rústicas como urbanas
O Concello de Vilaboa contratará nos vindeiros días os traballos técnicos de actualización do Plan Xeral de Ordenación Municipal para o que xa aprobou o pasado mes de xullo a correspondente dotación orzamentaria a través dunha modificación de crédito. A tramitación deste procedemento administrativo en setembro permitiu ao goberno local comezar o proceso de contratación da empresa que realizará os traballos.
Esta modificación do PXOM, decidida polo goberno local de Vilaboa antes do verán, responde á necesidade de solventar os erros existentes na revisión catastral realizada mediante un proceso simplificado e que cataloga como urbanizables parcelas nas que non se pode construir.
“O único xeito que temos de correxir esta situación é a través dunha modificación puntual do PXOM que catalogue axeitadamente as parcelas. Detectamos estes erros casi de xeito paralelo á revisión realizada mediante un proceso simplificado polo Catastro e xa nos puxemos a traballar neste asunto”, explica César Poza, alcalde de Vilaboa.
O goberno local confía en que no primeiro trimestre do vindeiro ano estes traballos estén finalizados polo que será nese momento cando se organicen reunións veciñais en todas as parroquias para explicar con detalle os cambios que recollerá a actualización do PXOM e tamén será o momento en que as persoas interesadas poderán solicitar os cambios que consideren oportunos.
Mentras tanto, o Concello de Vilaboa mantén durante todo este mes aberta a opción dun asesoramento personalizado a través de cita previa e a posibilidade de xestionar o fraccionamento do pago do IBI.