O convenio asinado con AFAMO financia o Plan Anual de Actividades e garante desprazamentos seguros para as persoas usuarias do Centro
O Concello de Vilaboa deu hoxe un paso estratéxico na mellora da atención social do municipio coa sinatura do novo convenio de colaboración coa Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e Outras Demencias do Morrazo (AFAMO). Este acordo supón un salto de calidade nas prestacións do Centro Social e de Maiores de Vilaboa (CESMAV) ao incorporar, como principal novidade, un servizo complementario de transporte adaptado e acompañamento.
Esta medida garante que a veciñanza da terceira idade, especialmente quen padece Alzheimer ou outras demencias, conte cun traslado seguro desde os seus fogares ata as instalacións. O obxectivo é dobre: romper co illamento provocado polos problemas de
mobilidade e blindar unha maior autonomía tanto para as persoas usuarias na súa rutina diaria como para as súas familias.
Atención integral e envellecemento activo
O documento dá continuidade aos programas de atención integral e de apoio ao contorno familiar. A programación técnica do centro abrangue terapias de estimulación cognitiva, reminiscencia e orientación á realidade, xunto con actividades para manter a valía persoal mediante psicomotricidade, fisioterapia, terapia ocupacional e musicoterapia. Así mesmo, o proxecto inclúe propostas de socialización, saídas, participación comunitaria, encontros interxeracionais e accións específicas de formación e respiro para as persoas coidadoras, que a miúdo soportan unha gran carga física e emocional.
A nova prestación de transporte facilitará o acceso directo a todas estas actividades. O deseño inclúe o traslado de ida ao CESMAV e/ou o regreso aos domicilios, ofrecendo acompañamento profesional durante as recollidas, as baixadas e os accesos. Para elo, o plan operativo de AFAMO prevé un auxiliar dedicado a esta tarefa durante dúas horas diarias, de luns a venres.
A través deste acordo, a administración local contribúe ao financiamento necesario para sufragar os custos de persoal especializado, materiais didácticos, combustible e seguro do vehículo. O seguimento das actuacións correrá a cargo do Departamento de Servizos Sociais municipal, mentres que a asociación encargarase de executar os programas terapéuticos.
Agradecemento institucional
Durante o acto de sinatura, o alcalde de Vilaboa, César Poza, xunto coa concelleira de Servizos Sociais, María Canosa Otero, quixeron poñer en valor o papel crucial que xoga a entidade na comarca e, moi especialmente, a figura da súa máxima responsable.
“Tanto eu como a concelleira queremos agradecer de corazón o traballo incansable, a sensibilidade e a total implicación da presidenta de AFAMO, Fina Cancelas Pérez”, sinalou o rexedor. “Contar no tecido asociativo con persoas co seu grao de compromiso e calidade humana é o maior orgullo para Vilaboa e a mellor garantía de que os nosos maiores reciben os coidados que merecen. Dá gusto camiñar da man de quen se deixa a pel polos demais”.
Pola súa banda, María Canosa subliñou que este convenio demostra que a política social de Vilaboa “pon ás persoas no centro, facilitando ferramentas reais que melloran o día a día das familias que conviven coa pegada da demencia”.

