O presidente provincial co alcaldes de Vilaboa.

O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que a Deputación, a través dos recursos do Plan Extra e o +Provincia, financia a maior parte dun proxecto valorado en 910.000€ que transforma un espazo público moi agardado

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Vilaboa, César Poza, o convenio para a recuperación o reacondicionamento do parque de Riomaior e a creación de espazos para a práctica de distintas disciplinas deportivas, así como zonas de ocio e descanso. Trátase dun proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Poza selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega os 700.000 euros para financiar a maior parte dun proxecto valorado en 909.000 euros que completa o Concello con recursos propios. “Falamos dunha actuación estratéxica no Concello de Vilaboa para a recuperación do parque de Riomaior cun proxecto transformador, que era unha necesidade e, grazas a estas axudas, pode ser unha realidade que vai mellorar a calidade de vida da veciñanza de Vilaboa, que é o que buscamos con estes proxectos”, explicou o dirixente.

O obxecto do proxecto é o reacondicionamento do Parque de Riomaior, na parroquia de Santa Cristina de Cobres. As actuacións proxectadas recollen unha reforma integral no parque, coa restauración paisaxística da contorna e a creación de diferentes ambientes deportivos: pistas deportivas, parque infantil, zona de Pump Track, zona de Calistenia, sendas e pistas de atletismo. Como punto de partida, levarase a cabo o acondicionamento da parcela, coa demolición dunha edificación. Ademais, restauraranse as sendas modificando o trazado e o pavimento de acceso ao parque. Unha vez preparada a superficie, levaranse a cabo as instalacións das pistas deportivas, coa retirada e eliminación da pista de tenis actual, substituída por unha ampla zona de pavimento deportivo na que se executará unha pista de tenis e unha pista polideportiva; construción dunha grada prefabricada de formigón cunha cuberta metálica; instalación dunha pista de pump track cunha superficie aproximada de 720 metros cadrados, habilitación dunha zona de calistenia nun rectángulo de 10 x 7,5 metros con pavimento amortiguador; un gran parque infantil nunha área de 720 m2 con deseño integrado terra-mar e diferentes elementos de xogo para tódalas idades; e pistas de atletismo con rúas de 100 metros de lonxitude para a posibilidade de facer series cronometradas. En suma, unhas actuacións que afectan a un espazo de máis de 15.000 m2. “Levamos moitos anos con este proxecto, era un espazo que estaba degradado e ven dun proxecto complexo de dez anos para conseguir a desafección e vai ser un espazo que une ás parroquias de Cobres e vai ser unha referencia na comarca grazas a axudas estratéxicas da Deputación”, sinalou o rexedor.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Vilaboa, onde tamén están en marcha outros proxectos centrados na mellora dos espazos públicos, así como de infraestruturas do ámbito viario, deportivo ou cultural que redundan nunha mellora da calidade de vida da veciñanza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *