A Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas vén de recibir unha axuda da Consellería do Mar cuxo obxecto é o de mellorar de forma estrutural, colectiva e permanente, a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras e usuarias do varadoiro, que desenvolven operacións de mantemento e varada das súas embarcacións no porto pesqueiro. Para este fin sufráganse a compra dunha plataforma elevadora móbil autopropulsada, para o acceso ás embarcacións e outras tarefas en altura, ademais de 3 xogos de elementos auxiliares de varada para buques de até 40 Tm, compostos cada un deles por cadanseu berce de proa e popa de 20 Tm e 2 puntais de 10 Tm, para soporte e estabilización das embarcacións en terra.
Esta axuda, por un importe de 43.149,93 euros (10.829’50 € a plataforma elevadora e 32.320’43 € os 3 xogos de elementos auxiliares de varada), foi concedida ao abeiro da Orde ao abeiro da Orde do 3 de xaneiro de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e tramitadas como expediente anticipado de gasto.
O proxecto, identificado co número de expediente PE209G-2026-00018, ten como obxectivos artellar un sistema colectivo de equipamentos que dea continuidade ás condicións de acceso e traballo seguro cando o buque se acha en seco, en tarefas como: estabilizar as embarcacións en seco con garantías estruturais, realizar traballos en altura con sistemas seguros de acceso, reducir riscos en caída, atrapamento e inestabilidade e diminuír os sobreesforzos físicos asociados ás tarefas de mantemento, para a totalidade dos usuarios do servizo de varada de embaracións do porto cangués.
A actuación deberá estar executada e xustificada antes do 31 de outubro de 2026, data límite establecida na resolución de concesión.
Con esta iniciativa, a Confraría de Cangas continúa a reforzar a modernización das súas infraestruturas e a mellorar os servizos prestados ao sector pesqueiro local, favorecendo un entorno máis eficiente, seguro e competitivo.

