Visita hoxe da alcaldesa e a concelleira na apertura do curso.

Esta residencia artística inaugura o uso cultural das salas polivalentes do edificio, pensadas para potenciar a creación artística. Participan máis de 60 bailaríns de Galicia, España e outros países

O Auditorio de Marín non é só un espazo escénico de representación. A nova infraestrutura cultural da vila ten outros lugares nos que poder desenvolver iniciativas artísticas e que fomenten e potencien os novos valores, converténdose nun “laboratorio” co que facer crecer as artes escénicas.

Esas salas foron inauguradas esta mañá polo Ballet de Galicia co seu Summer Intensive, unha residencia artística dun mes para bailaríns e bailarinas, con clases de luns a sábado durante todo o día e que terá o seu culmen final na VI Gala de Verán, que acollerá o Auditorio o 29 de agosto con apertura a todo o público ata encher o aforo de 500 butacas.

A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín abriron este curso conxuntamente co director do Ballet de Galicia, Diego Landín, que se sentiu “orgulloso e agradecido por poder utilizar unhas instalacións así no meu pobo” e trasladou aos e ás participantes esta “sorte” por unha infraestrutura desta calidade. En total, participan 60 nenos e nenas procedentes de diversos puntos de Galicia como de Valladolid, Madrid.. e outros países, entre os que destacan Cancún e México.

A alcaldesa quixo darlle a benvida e trasladarlles “que esta é a primeira actividade que se fai nas salas desde que abrimos este maravilloso Auditorio, unhas salas pensadas precisamente para isto, para formar, para crear cultura e para o que delas saia poidamos despois desfrutalo no patio de butacas”.

Próxima programación no Auditorio

Por outro lado, a alcaldesa lembrou as próximas datas que xa están pechadas no Auditorio: “Teremos a Operación Kilo este venres ás 21.00 horas, o XX Certame de Bandas de Gaitas Virxe do Carme, de Airiños de San Xulián, e a Gala de Ballet, pero temos despois cara os últimos meses do ano, xa unha intensa actividade que nestes días iremos presentando”, asegurou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *