Presentación do Son de Marín.

A décimo cuarta edición do festival contará cun amplo programa de actuacións, pasarrúas e concertos protagonizados por artistas e agrupacións locais, ademais dunha homenaxe a John Balan e un recoñecemento á traxectoria cultural de Isabel Portosany Soto

O Concello de Marín presentou a programación da décimo cuarta edición do Son de Marín, unha das citas máis consolidadas da programación estival da vila, que converterá durante a fin de semana do 31 de xullo e 1 de agosto as rúas e prazas do municipio nun gran escenario ao aire libre no que a música, a cultura popular e o talento local serán os grandes protagonistas.

O festival arrancará na tarde do venres, 31 de xullo, cun dos actos máis emotivos da programación: a tradicional ofrenda floral á memoria de John Balan, que terá lugar ás 12.30 horas no Cemiterio de Santo Tomé de Piñeiro, acompañado polo grupo Os de Marín. Xa pola noite, a Alameda Rosalía de Castro acollerá ás 21.30 horas o concerto «Marín Canta», coa actuación dos Saljariteir@s.

A programación continuará o sábado, 1 de agosto, cunha intensa actividade desde primeira hora da mañá. A partir das 11.00 horas, as rúas da vila encheranse de música cos pasarrúas simultáneos de Airiños de San Xulián, Os Chaneiros, Os de Marín, Zumby Kids e Gaiteiros de Carballido, que percorrerán distintos puntos do casco urbano achegando o ambiente festivo a todos os barrios.

Ao mesmo tempo desenvolveranse actuacións en diferentes espazos do centro da vila. A Praza 8 de Marzo acollerá a actuación das Pandereteiras Luzada, mentres que na rúa Almuíña actuarán os Cantareir@s de Marín. Na rúa Lameira será a quenda de Fentos e Frouma, acompañados da actuación de Antonio Peixoto e a súa armónica, e na Praza do Reloxo celebrarase unha nova edición de Marín In Verso, consolidando así unha programación variada que combina música tradicional, poesía e creación cultural.

Xa pola tarde-noite, ás 21.00 horas, a Alameda será escenario da tradicional Homenaxe a John Balan, presentada por Julio Santos Pena, un acto que volverá render tributo a unha das figuras máis queridas da cultura marinense. Nesta edición, o festival realizará ademais unha mención especial a Isabel Portosany Soto, en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu compromiso coa cultura no Concello de Marín.

A música continuará ás 22.00 horas en distintos escenarios da vila. A Alameda acollerá a actuación da Orquestra Cé Pantasma, mentres que en Méndez Núñez, detrás do Concello, actuarán Covers Lovers e en Ezequiel Massoni, Maehloc. No Pato Donald actuará Candela e, media hora máis tarde, o Paseo Alcalde Blanco converterase no escenario do concerto de Los Atómicos. A fin de festa será a cargo de Son das Tabernas, na Alameda Rosalía de Castro, a partir das 23.20 horas.

Desde o Concello destacan que o Son de Marín continúa consolidándose como unha das grandes citas culturais do verán marinense, apostando pola promoción da música en directo, das agrupacións locais e da cultura popular, ao tempo que dinamiza a hostalaría, o comercio e a vida nas rúas do municipio durante toda a fin de semana.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *