Visita ás melloras viarias da rede de Marín.

O presidente da Deputación, acompañado polas deputadas María Ramallo e Belén Cachafeiro, comproba o remate das obras executadas entre os núcleos de Seixo e Santomé de Piñeiro, nun treito de 2,5km, financiadas ao 100 % polo organismo provincial

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma o compromiso do goberno provincial coa mellora da seguridade viaria e a modernización da rede de estradas provincias coa inauguración dunha nova actuación en Marín, onde o organismo provincial vén de investir 540.000 euros na EP-1201 que une as localidades de Seixo e Santomé de Piñeiro para dotala de maior seguridade tanto para condutores como para peóns. Acompañado pola alcaldesa e deputada provincial María Ramallo e da deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, o presidente percorreu un treito deste viario no que a Deputación financiou o 100 % do custo das obras.

“Este tipo de actuacións son as que marcan a diferencia. Se os viarios non están preparados vanse deteriorando, pero neste caso, por moito que chova, a estrada non se vai ver resentida porque conta cunha solución de cunetas para conducir a auga. Isto o levamos por toda a provincia, de aí que sexamos exemplo de boa conservación e mantemento”, expuxo López para ilustrar o compromiso da Deputación tanto co mantemento das estradas provinciais como coas vías de titularidade municipal a través de colaboracións puntuais cos concellos, cos fondos do +Provincia ou con plans específicos como o Vía DEPO. Ademais o presidente lembrou que o goberno provincial leva destinados preto de 80M€ neste mandato á mellora e conservación da rede de estradas provinciais, ás que se suman os 8M€ do Plan Vía Depo para arranxar camiños de titularidade municipal nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes.

Neste caso, a obra executada pola Deputación na EP-1201 no Concello de Marín, entre as localidades de Seixo e Santomé de Piñeiro, centrouse nun treito de 2,5 quilómetros no que se renovou o pavimento, instaláronse cunetas de seguridade para mellorar a drenaxe e facilitar desprazamentos seguros para os peóns e colocáronse novos elementos de sinalización tanto vertical como horizontal. “Unha obra valorada en case 540.000€, financiada pola Deputación e coa que melloramos a seguridade viaria actuando en todas as frontes”, resumiu o dirixente. Ademais, o Concello aproveitou esta actuación para levar a cabo unha mellora importante para a veciñanza da contorna consistente na instalación dunha nova rede de abastecemento de auga para os residentes dos núcleos que can desde a rotonda da Brea ata a zona de Rúanova e da que se benefician ata 32 vivendas.

A pegada da Deputación na rede viaria de Marín non se cingue unicamente a esta xa inaugurada actuación. Ao longo do presente mandato, o goberno de Luis López impulsou melloras por valor de 900.000 euros entre as que sobresaen proxectos como a mellora da mobilidade peonil entre Figueirido e Marín na EP-0019 ou os traballos que están en marcha na EP-1201 para mellorar a seguridade viaria entre Marín e As Penizas. Unha cifra que se suma aos 7M€ mobilizados no Concello a través dos distintos plans de cooperación aprobados neste mandato.

“Se Marín é referencia de boa xestión, boas infraestruturas e boa atención é grazas á súa alcaldesa María Ramallo. O seu bo facer e gran capacidade de xestión, a súa implicación e como coñece á perfección este concello é o que permite sacar adiante estes proxectos”, recoñeceu o presidente Luis López o labor da rexedora antes de reiterar o agradecemento a todas as persoas implicadas nesta obra, desde os técnicos e traballadores da empresa adxudicataria, ata a veciñanza que cedeu terreos e soportou as incomodidades dos traballos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *