O Foleón de Cantodarea, unha das maiores tradicións da noite máis máxica do ano na vila, queimará dúas grandes fogueiras na Praza do Regueiro e terá actuacións musicais, sardiñada e outra comida a prezos populars
A Asociación Amijos e Vesiños de Cantodarea xa leva varios días montando o foleón máis grande do San Xoán de Marín e que se une ás outras 11 fogueiras públicas solicitadas este ano ao Concello para alumear a noite máis máxica do ano.
A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, achegáronse ata a Praza do Regueiro para presentar a programación xunto con Chicho e Morgan, artífices de todo este foleón e que este ano ten dous protagonistas: un helicóptero e un barco, lembrando a primeira figura que se queimou hai xa 9 anos, cando se retomou esta tradición.
Ás 22.00 horas queimarase o foleón infantil e haberá actuacións do grupo de baile Getting Jiggy Dance Studio, as Charangas Noroeste e Jalácticos, a Batucada Maracumbé, o dúo Bela&Charlo e finalmente o trío Tony Delgado. Ás 00.00 horas,
queimarase o gran foleón. Haberá sardiñada e churrasco e todo a prezos populares para pasar a noite máis máxica en Galicia.
Récord de peticións para fogueiras privadas
O Concello pechou onte o prazo para solicitar realizar fogueiras en terreos privados, alcanzando 235 peticións en todo o termo municipal. Desde o Goberno local, lembran a importancia de cumprir obrigatoriamente con todas as normas que se aceptan de xeito automático ao realizar unha solicitude, como gardar unha separación mínima de 12 metros lineais con vexetación, casas e edificios; non superar 14 metros de altura e 6 metros de ancho e empregar leña, ramas, trocos de árbore ou calquera outro material de madeira para facer a combustión.
As persoas organizadoras das fogueiras, deberán ter coñecemento dos télefonos de contacto necesarios no caso de que xurda algún accidente:
TELÉFONO DE EMERXENCIAS: 112.
Lista de fogueiras públicas para gozar en comunidade
● Fondo do Saco
● Inmediacións Parque Infantil da Praia de Loira
● Lavadoiro de Loira
● Praza do Espedregal (Soaxe)
● Casa de Cultura do Campo
● Inmediacións Parque Infantil de Miñán
● Lavadoiro de Allariz
● Cemiterio de Mogor
● Aparcadoiro do Merendeiro by Javitxus (fronte ao CIP de Mogor)
● Inmediacións Parque Infantil do Casal
● Lavadoiro de Loira

