En total máis de 97 quilómetros repartidos en catro etapas que atravesan os concellos de Bueu, Cangas e Moaña, convertendo a comarca nun dos tramos máis atractivos de toda a ruta
A comarca de O Morrazo será un dos territorios protagonistas do novo Camiño do Litoral, a gran ruta costeira que a Xunta prevé poñer en marcha este verán cunha extensión de máis de 1.300 quilómetros de percorrido e ao longo de toda a costa galega, de Ribadeo ata A Guarda.
O proxecto, que atravesará 78 concellos costeiros de Galicia distribuídos en 52 etapas, poderá realizarse tanto a pé como en bicicleta e está concibido como unha ferramenta para descubrir e poñer en valor o patrimonio natural, paisaxístico e cultural do litoral galego.
No caso de O Morrazo, o percorrido abrangue máis de 97 quilómetros repartidos en catro etapas que atravesan os concellos de Bueu, Cangas e Moaña, convertendo a comarca nun dos tramos máis atractivos de toda a ruta. A primeira das etapas morracenses conecta Pontevedra con Bueu ao longo de 20,7 quilómetros, percorrendo o litoral sur da ría de Pontevedra. O itinerario combina patrimonio urbano, actividade portuaria e espazos naturais, pasando por Marín, os petróglifos de Mogor e algunhas das praias máis coñecidas da zona, como Lapamán, Agrelo ou Loureiro, antes de chegar á vila de Bueu.
Desde alí parte a etapa Bueu-O Hío, de 19,2 quilómetros, que discorre por un dos espazos naturais máis singulares da costa galega. O percorrido atravesa o entorno protexido de Cabo Udra, integrado na Rede Natura 2000, e enlaza praias, cantís e pequenas enseadas con vistas privilexiadas cara ao arquipélago de Ons e á entrada da ría de Pontevedra.

A terceira etapa, entre O Hío e Cangas, está chamada a converterse nun dos grandes reclamos do Camiño do Litoral. Os seus 27,3 quilómetros atravesan a Costa da Vela, un dos enclaves paisaxísticos máis espectaculares de Galicia, con puntos emblemáticos como o Facho de Donón, Cabo Home, Punta Robaleira ou as praias de Melide, Barra e Nerga. O itinerario ofrece ademais unha panorámica excepcional das illas Cíes e do océano Atlántico.
O paso pola comarca complétase cunha última etapa, de 31,3 quilómetros e que percorre a fachada marítima de Cangas e Moaña antes de continuar pola enseada de San Simón ata Vilaboa e Soutomaior. Entre os elementos máis destacados deste tramo figuran os portos tradicionais da ría, o conxunto de Santo Adrán de Cobres e as históricas Salinas do Ulló, espazo de gran valor ambiental e etnográfico.
ACCESIBILIDADE E TECNOLOXÍA
A Xunta prevé reforzar a accesibilidade e interpretación do percorrido mediante unha sinalización específica formada por 249 elementos distribuídos ao longo de toda a ruta. Todos eles incorporarán códigos QR para ampliar a información sobre cada etapa e estarán fabricados con materiais reciclados e adaptados ás condicións ambientais do litoral. Como complemento, a Administración autonómica está a desenvolver unha aplicación móbil que reunirá toda a información práctica para os usuarios, incluíndo mapas, descricións do percorrido, puntos de interese, patrimonio natural e cultural e servizos asociados.
Segundo destacan desde a Xunta, o proxecto nace coa vontade de promover un modelo de uso ordenado e respectuoso da costa, ao tempo que contribúe á difusión dos valores naturais e culturais do litoral galego. Neste contexto, O Morrazo preséntase como un dos grandes escaparates dun itinerario que busca converterse nun novo referente do turismo activo e sostible en Galicia e nunha ferramenta para proxectar os valores de Galicia Calidade a través da súa costa.

